A folga de Renfe suprime sete dos dez trens diarios entre Ferrol e A Coruña

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa
Os servizos mínimos garanten o 65 % das circulacións de Media Distancia e o 72 % das de Alta Velocidade e Longa Distancia
tren-renfe
17 Nov 2026

A folga ferroviaria convocada para este martes, 17 de novembro, está a alterar as conexións de Renfe en Galicia e ten unha incidencia especial no corredor entre Ferrol e A Coruña. Sete dos dez trens programados para esta xornada entre ambas as cidades figuran entre os servizos afectados, polo que unicamente están previstas tres circulacións en total: dúas en dirección a Ferrol e unha cara a A Coruña.

En dirección a Ferrol, Renfe suprimiu os trens que debían saír da Coruña ás 7.30, ás 15.04 e ás 18.32 horas. En sentido contrario, non circulan os servizos con saída desde Ferrol ás 5.40, ás 9.10, ás 17.41 e ás 20.36 horas. Mantéñense as saídas desde A Coruña das 12.40 e das 23.05 horas, así como a das 14.15 horas desde Ferrol.

A incidencia tamén alcanza a conexión ferroviaria entre A Coruña e Monforte de Lemos, cuxos dous servizos previstos para este martes están afectados. Trátase do tren que debía saír de Monforte ás 7.30 horas con destino á cidade herculina e do que tiña prevista a saída desde A Coruña ás 19.35 horas cara ao sur de Lugo.

Nas conexións de longa distancia con Madrid Chamartín tamén se anunciaron cancelacións. Non circulan o tren con saída desde a capital española ás 14.40 horas con destino A Coruña nin o servizo que debía partir da cidade galega ás 19.33 horas cara a Madrid. O resto das conexións previstas entre ambas as cidades manteñen a súa circulación segundo a programación de servizos mínimos.

Pola contra, as conexións directas entre A Coruña e Vigo e os servizos con Ourense manteñen, en principio, o seu funcionamento de acordo cos servizos esenciais establecidos. No corredor atlántico si figuran algunhas supresións en traxectos parciais entre Santiago, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

Servizos mínimos durante toda a xornada

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible estableceu uns servizos mínimos do 75 % en Cercanías durante as horas punta (de 6.00 a 9.00, de 13.30 a 15.30 e de 18.30 a 20.30 horas), mentres que durante o resto do día se garante o 50 % das circulacións habituais. Nos trens de Media Distancia, a porcentaxe media fixada é do 65 %, e nos servizos de Alta Velocidade e Longa Distancia alcanza o 72 %. Para o transporte ferroviario de mercadorías estableceuse un 26 %.

A convocatoria afecta todo o Grupo Renfe e conta co respaldo do Comité Xeral da compañía e de organizacións sindicais como SEMAF, CCOO, UGT, CGT, o Sindicato Ferroviario Intersindical e Alternativa Ferroviaria. As reivindicacións están relacionadas coa seguridade ferroviaria e coas condicións do servizo, despois dos accidentes rexistrados en Adamuz e Urda, que reavivaron as demandas de melloras no mantemento e na seguridade da rede.

Renfe publicou as listaxes de trens afectados e recomenda ás persoas viaxeiras consultar o estado dos seus servizos antes de desprazarse.

0.17020606994629