A Festa do Viño Novo da Teixeira abrirá a venda de entradas ao público xeral o 6 de novembro

RibeiraSacraXa
Tras o prazo reservado á veciñanza, o Concello abrirá do 6 ao 13 de novembro a reserva das entradas restantes a calquera persoa interesada en asistir ao evento
copa de viño recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
2 Nov 2026

O Concello da Teixeira anunciou o calendario da segunda fase de reservas para a XXV Festa do Viño Novo, que terá lugar o 21 de novembro. Unha vez finalizado o prazo reservado ás persoas empadroadas na localidade, o proceso abrirase ao público en xeral entre o 6 e o 13 de novembro.

Durante este segundo período, calquera persoa interesada, con independencia do seu lugar de residencia, poderá solicitar as entradas que quedasen dispoñibles tras a primeira fase, na que a veciñanza da parroquia tivo preferencia para reservar prazas para o seu núcleo convivencial e ata catro persoas convidadas.

Desde a organización insisten en que o aforo do evento é limitado, polo que recomendan a quen teña previsto asistir que non deixe a xestión da súa reserva para os últimos días do prazo.

Os prezos das entradas mantéñense segundo o tramo de idade: a asistencia é gratuíta para os menores de ata 5 anos, os nenos e nenas de entre 6 e 14 anos pagarán 12 euros, e as persoas a partir de 15 anos aboarán 25 euros. O pago deberá realizarse en efectivo.

A recollida das entradas poderá efectuarse nas oficinas do Concello a partir do 19 de novembro, ou ben o mesmo día da celebración, o 21 de novembro, en horario de 11.00 a 12.30 horas.

O acceso ao recinto organizarase en dúas franxas horarias: ás 13.30 horas para as persoas con mobilidade reducida, que deberán comunicalo ao facer a reserva, e ás 14.00 horas para o resto do público asistente.

A organización advertiu ademais de que, a partir do 16 de novembro, non se tramitarán cancelacións nin devolucións, polo que as reservas formalizadas desde esa data terán que aboarse na súa totalidade.

0.17841506004333