A Teixeira abre o primeiro prazo de reserva de entradas para a súa Festa do Viño Novo

O Concello da Teixeira puxo en marcha o proceso de reserva de entradas para a XXV edición da Festa do Viño Novo, que se celebrará o vindeiro 21 de novembro. Igual que na convocatoria anterior, o procedemento dividirase en dúas fases diferenciadas, e a primeira delas xa está aberta.
Esta fase inicial, que se estenderá do 26 de outubro ao 4 de novembro, está dirixida en exclusiva aos núcleos convivenciais censados na parroquia. Cada unidade familiar empadroada poderá reservar entradas para os seus propios membros máis outras catro adicionais, destinadas a persoas convidadas. Así, por exemplo, un fogar con tres persoas censadas podería chegar a solicitar ata sete entradas en total.
Desde a organización lembran que o aforo do evento é limitado, polo que recomendan non demorar a xestión das reservas ata os últimos días do prazo.
En canto aos prezos, a entrada será gratuíta para os menores de ata 5 anos, mentres que os nenos e nenas de entre 6 e 14 anos aboarán 12 euros, e as persoas a partir de 15 anos pagarán 25 euros. O pago realizarase en efectivo, e a recollida das entradas poderá facerse nas oficinas do Concello a partir do 19 de novembro, ou ben o mesmo día da festa, o 21 de novembro, en horario de 11.00 a 12.30 horas.
O acceso ao recinto organizarase en dúas quendas: ás 13.30 horas para as persoas con mobilidade reducida, que deberán indicalo expresamente ao facer a reserva, e ás 14.00 horas para o resto de asistentes.
A organización tamén informou de que, a partir do 16 de novembro, non se admitirán cancelacións nin devolucións, polo que as reservas realizadas desde esa data deberán aboarse na súa totalidade.
Unha vez concluída esta primeira fase, abrirase un segundo prazo de reservas dirixido ao público en xeral, que poderá optar ás entradas que non fosen solicitadas pola veciñanza.