A FEARS cualifica o informe de ICOMOS como un “fracaso político” das administracións

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Desde a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra consideran que o proceso estivo marcado por unha excesiva orientación á comunicación e á diplomacia, fronte ao rigor técnico, e pola falta de consenso social
aldea-ribeira-sacra-imaxe-fears
10 Jun 2026

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) cualificou como un “fracaso político” das administracións implicadas a decisión técnica do ICOMOS de recomendar a non inscrición da candidatura da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio Mundial.

Segundo a entidade, coñecida a resolución do organismo asesor da UNESCO —que propón “non inscribir a Paisaxe da Auga da Ribeira Sacra na Lista”—, o ditame confirma parte das alegacións que FEARS vén defendendo nos últimos anos. A federación asegura que acolle a decisión con “contida satisfacción” ao considerar que varios dos argumentos que remitiu ao ICOMOS foron tidos en conta.

FEARS sostén que o proceso da candidatura estivo marcado, ao seu xuízo, por unha excesiva orientación á comunicación e á diplomacia, fronte ao rigor técnico. Neste sentido, critica a actuación das administracións autonómica e estatal, ás que acusa de non ter garantido unha participación efectiva do tecido social do territorio.

A entidade tamén afirma que a candidatura se elaborou sen suficiente consenso social e denuncia que o proceso de participación cidadá foi “tardío e incompleto”, polo que considera que non contaba cun respaldo real da poboación.

Entre os aspectos recollidos no informe técnico do ICOMOS, FEARS destaca as referencias á inclusión dos encoros no ámbito da candidatura, un dos puntos que considera máis problemáticos. A federación lembra que estas infraestruturas deben ser entendidas, ao seu xuízo, no contexto de grandes intervencións industriais do século XX con impacto no territorio e na súa evolución socioeconómica.

Así mesmo, a organización apunta que o ditame tamén coincide coas súas advertencias sobre a falta de protección ambiental axeitada, o risco de incendios forestais, a presenza de especies invasoras e a perda de biodiversidade na zona. Tamén sinala o abandono de parte do patrimonio e a súa falta de posta en valor.

FEARS critica ademais que non se aproveitase o proceso para reforzar os sectores produtivos tradicionais nin para impulsar alternativas económicas vinculadas ao territorio, especialmente no ámbito da viticultura. Segundo a federación, esta actividade enfróntase a problemas estruturais como a falta de relevo xeracional e determinadas políticas sectoriais que, ao seu xuízo, dificultan a súa viabilidade.

A pesar de que o informe técnico do ICOMOS non é vinculante, FEARS considera que marca unha posición relevante sobre a candidatura e cuestiona a súa planificación. A federación conclúe que o proceso evidencia deficiencias na xestión institucional e na planificación do proxecto, tanto desde o punto de vista técnico como participativo.

0.15489816665649