A exposición itinerante 'Galegoza. A canción en galego' chega ao CPI San Tomé do Carballo de Taboada

O CPI San Tomé do Carballo, no concello de Taboada, acolle a exposición itinerante 'Galegoza. A canción en galego', unha iniciativa posta en marcha pola Vicepresidencia da Deputación que percorre distintos centros educativos para achegar ao alumnado a traxectoria histórica da música cantada en galego.
A mostra está composta por 30 paneis divulgativos que permiten seguir, de xeito cronolóxico, a evolución deste xénero musical desde os seus inicios na década dos sesenta ata chegar á diversidade creativa e estilística que caracteriza a escena actual. A este material súmase unha lista de reprodución específica, pensada para que o alumnado poida escoitar exemplos musicais vinculados ás distintas etapas recollidas nos paneis.
O acto de inauguración contou coa presenza de Pepe Cunha, coordinador da exposición e responsable do portal Ábrete de Orellas.