A exposición 'Anatomía dun lume' do bombeiro Tomás Rodríguez poderá visitarse en Sober

RibeiraSacraXa
Os veciños e veciñas de Sober poderán gozar da exposición de fotografía 'Anatomía dun lume'.
Concello de Sober
Concello de Sober
28 nov 2023

Os veciños e veciñas de Sober poderán gozar da exposición de fotografía 'Anatomía dun lume'. O vindeiro venres 1 de decembro inaugurarase a mostra no centro sociocultural de Sober a partir das 17.00 horas. Trátase dunha exposición que aborda o mundo dos incendios desde unha perspectiva diferente á habitual, xa que o autor é un profesional da extinción de incendios, non da fotografía.

De feito, todas as imaxes están captadas coa cámara do seu móbil, limitado polas circunstancias e sen tempo para enfocar nin encadrar. O monfortino Tomás Rodríguez, bombeiro forestal e afeccionado á fotografía, nunca pensou que a súa “obra” puidese interesarlle a ninguén, nin moito menos, que acabara exposta ao público.

A Rodríguez gústalle simplemente capturar “momentos”. Con todo, a súa peculiar e intimista visión dos lumes, de portas cara dentro, resulta interesante e ilustrativa, amosando que un incendio é moito máis ca chamas e sirenas.

Un incendio son esperas, corta-lumes, ollar ao ceo na busca de sinais de choiva, cansazo, impotencia, accidentes e compañeirismo. E esa é a realidade que Tomás amosa a través das imaxes. Unha realidade á que desde hai anos se enfronta cos seus compañeiros da CE-06 de Manzaneda, protagonistas tamén desta exposición.

anatomía_dun_lume_sober