A Deputación restablece a circulación na LU-P-4103 ao seu paso por Pantón

RibeiraSacraXa
O tramo permanecía afectado por un derrubamento de ladeira que obrigou a executar unha actuación de gran complexidade técnica
LU-P-4103-panton
31 Jul 2026

A Deputación de Lugo restablecerá ao final da xornada deste venres, 31 de xullo, a circulación no punto quilométrico 2,180 da estrada provincial LU-P-4103, no concello de Pantón, despois dos traballos realizados para solucionar os danos provocados por un derrubamento de ladeira.

A incidencia afectou gravemente a este tramo da vía e obrigou á institución provincial a desenvolver unha actuación de especial complexidade debido ás dificultades que presenta a orografía da zona, o que condicionou os labores de estabilización e reparación.

Segundo informa a Deputación, a evolución favorable dos traballos permite reabrir a estrada ao tráfico con todas as garantías de seguridade para os usuarios, recuperando así a normalidade na circulación neste punto da rede viaria provincial.

A pesar da reapertura, as actuacións non se dan por finalizadas. Os equipos continuarán traballando nos próximos días para completar a intervención e asegurar a estabilidade definitiva da contorna afectada polo desprendemento.

Desde a institución provincial destacan que a reapertura foi posible grazas ao avance das obras executadas nas últimas semanas, permitindo compatibilizar a continuidade dos traballos coa circulación de vehículos en condicións seguras.

0.12214994430542