A Deputación de Lugo repartirá 72 novas emisoras de comunicación portátiles nos seis parques de bombeiros

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Técnicos da institución provincial recolleron estes dispositivos que mellorarán as condicións de traballo dos 120 efectivos e a prestacións do servizo aos cidadáns
novas-emisoras-bombeiros-provincia
14 Sep 2026

A Deputación de Lugo repartirá 72 novas emisoras de radiocomunicación dixital portátiles entre os seis parques de bombeiros do Consorcio Provincial. Os equipos, que levaban anos sendo solicitados pola institución provincial, foron recollidos este luns por técnicos da Deputación na Estrada e permitirán renovar os dispositivos empregados polos efectivos nas súas intervencións.

Os novos terminais empregan tecnoloxía dixital TETRA e están integrados na Rede Dixital de Emerxencias e Seguridade de Galicia (RESGAL), á que o Consorcio se incorporou en 2016. Uns dispositivos que supoñen unha mellora nas comunicacións dos bombeiros, ao ofrecer maior seguridade e fiabilidade, facilitar a coordinación entre os equipos e permitir establecer grupos de comunicación específicos para cada operativo.

Esta renovación actualiza os medios de comunicación dos parques de bombeiros do Consorcio provincial -Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Chantada-e dá resposta a unha demanda que a Deputación viña trasladando desde hai anos no marco do acordo asinado coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

Coincidindo coa renovación dos equipos, este luns comeza ademais unha nova acción formativa dirixida a todo o cadro de persoal do Consorcio, de todas as categorías profesionais, sobre apertura de portas en edificios e vehículos. A formación, impartida pola empresa Fuego y Mar, desenvolverase en distintas xornadas durante setembro e outubro e combinará contidos teóricos e prácticos.

O curso, de 7 horas de duración, permitirá aos profesionais perfeccionar as técnicas para comprobar e abrir portas mediante métodos non destrutivos e forzados, así como practicar a intervención en diferentes escenarios e tipos de portas utilizando as ferramentas específicas. A formación desenvolverase en Santiago de Compostela.

A Deputación de Lugo mantén ademais aberto o proceso selectivo para cubrir 37 prazas de bombeiro-condutor do Consocio Provincial co obxectivo de reforzar os servizos nos seis parques comarcais. A semana pasada celebrouse o primeiro dos exercicios da oposición e das 233 persoas que se presentaron, superaron a proba 166, o 70%. Actualmente o cadro de persoal do Consorcio conta con 120 prazas.

0.14797306060791