A Deputación reclamará á Xunta un novo modelo de prevención e defensa fronte aos lumes forestais

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
PSOE E BNG rexeitan que o Goberno de Sánchez teña en conta as demandas dos médicos á hora de modificar o Estatuto Marco e se poña fin aos paróns que impactan nos tempos de espera
equipo-de-goberno-deputacion-lugo
28 Jul 2026

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes a proposta do Goberno provincial a instar á Xunta de Galicia a impulsar un novo modelo de prevención e defensa contra os incendios forestais, adaptado á realidade actual e centrado na prevención como principal ferramenta para protexer o territorio, o rural e a poboación.

A presidenta da Deputación, Carmela López, indicou antes do inicio da sesión que se está afrontando un escenario marcado por lumes cada vez máis intensos e complexos, que obrigan a revisar as políticas públicas nesta materia. A iniciativa saíu adiante co apoio do BNG e o Deputado non adscrito, e cos únicos votos en contra do PP.

Durante a súa intervención, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que o cambio climático, o abandono da actividade agraria, a acumulación de biomasa e a despoboación están a favorecer incendios de comportamento extremo, que superan a capacidade de resposta dos dispositivos tradicionais. Neste contexto, subliñou que a prioridade debe situarse na prevención, na planificación e na xestión activa da paisaxe, complementando o labor esencial que desenvolven os equipos de extinción.

Así mesmo, puxo en valor o traballo dos profesionais que participan na prevención e na loita contra o lume, así como o papel das comunidades de montes, do sector agrogandeiro e da veciñanza do rural, “que cada día contribúen a manter vivo o territorio e constitúen a primeira liña de defensa fronte aos incendios”.

A proposta aprobada recolle un conxunto de medidas dirixidas á Xunta de Galicia para avanzar cara a un modelo máis eficaz e estable. Entre elas figura a elaboración, no prazo máximo de tres meses, dunha avaliación pública e independente do cumprimento do primeiro quinquenio do Plan Forestal de Galicia 2021-2040; a reforma integral da política galega de prevención de incendios, orientándoa cara á prevención estrutural; á adaptación ao cambio climático; e a execución efectiva da xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección, especialmente nos concellos con menor capacidade económica e técnica.

A iniciativa tamén reclama a creación dun Programa Galego de Paisaxes Resilientes, con especial atención á montaña lucense, Os Ancares, O Courel e a Ribeira Sacra, así como o reforzo estable dos recursos humanos destinados á prevención e defensa contra incendios, reducindo a temporalidade e garantindo dispositivos operativos durante todo o ano. Ademais, propón incrementar os investimentos en prevención, incorporar indicadores públicos de avaliación ao PLADIGA, elaborar unha estratexia específica para a provincia de Lugo e impulsar, en colaboración coas administracións locais, un Plan Galego de Prevención Local que defina responsabilidades e asegure a dotación económica necesaria.

Segundo defendeu Pilar García Porto, a realidade da provincia de Lugo require políticas adaptadas ás súas características territoriais e demográficas, apostando por un modelo que combine a prevención, a xestión sostible do monte e o apoio á actividade económica no rural como mellor garantía para reducir o risco de grandes incendios e protexer o patrimonio natural, social e económico da provincia.

Ensino público de calidade

A Deputación de Lugo tamén demandará á Xunta de Galicia un ensino público de calidade, inclusivo, en galego e con recursos suficientes. A iniciativa socialista foi defendida polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen advertiu de que a educación pública constitúe un servizo esencial para garantir a igualdade de oportunidades e a cohesión social, especialmente nunha provincia como Lugo, marcada pola dispersión xeográfica, o envellecemento da poboación e o despoboamento do rural.

Durante a súa intervención, Rivera sinalou que “a escola pública é un piar fundamental para manter vivos os concellos do interior e asegurar que todos os nenos e nenas teñan acceso ás mesmas oportunidades, vivan onde vivan”. Neste sentido, alertou da falta de recursos humanos, da escaseza de profesorado, das baixas sen cubrir, do incremento das ratios e da insuficiencia de persoal especializado para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou ao alumnado recentemente incorporado ao sistema educativo.

O deputado tamén incidiu na necesidade de reforzar a escola rural e de frear o peche de unidades educativas, lembrando que, en boa parte da provincia, os centros escolares desempeñan unha función que vai máis alá da educación, ao constituír un elemento clave para a cohesión territorial e para fixar poboación no rural. Ademais, puxo en valor o papel do galego como lingua propia do ensino e como ferramenta de integración, igualdade e cohesión social.

A moción, aprobada polo Pleno co apoio do BNG e o deputado non adscrito e votos en contra do PP, inclúe o apoio institucional da Deputación ao profesorado, ao persoal educativo, ao alumnado e ás familias, e insta á Xunta de Galicia a garantir un ensino público suficientemente financiado, incrementar os cadros de persoal docente e educativo, cubrir con axilidade as substitucións, reducir as ratios e evitar o peche de escolas no rural. Tamén reclama melloras nas condicións laborais do profesorado, a redución da burocracia, a modernización das infraestruturas escolares, o reforzo dos recursos para a atención á diversidade, a protección da presenza do galego no sistema educativo e a garantía dun transporte e dun servizo de comedor adaptados ás características da provincia de Lugo.

Rivera concluíu defendendo que “investir no ensino público é investir no futuro da provincia, garantindo igualdade de oportunidades, combatendo o despoboamento e fortalecendo a cohesión social e territorial de Lugo”.

PSOE E BNG rexeitan que o Goberno de Sánchez teña en conta as demandas dos médicos á hora de modificar o Estatuto Marco

Os votos de PSOE e BNG rexeitaron a proposta popular de que se tiveran en conta as demandas dos médicos para modificar o Estatuto Marco e rematar coas folgas que se reanudarán en setembro.

"O goberno provincial de PSOE e BNG rexeita reclamar ao Goberno de España poñer fin á folga dos médicos en todo o país. PSOE e BNG néganse a que o Goberno de Sánchez renove o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde dende o consenso real cos profesionais sanitarios e as Comunidades Autónomas", explicaron os populares.

O goberno provincial de PSOE e BNG votaron en contra da iniciativa do Grupo Provincial Popular que reclamaba retirar a proposta actual, "que non recolle as demandas dos profesionais para facer fronte aos problemas reais do Sistema Nacional de Saúde, e abrir un proceso de diálogo ata acadar o consenso dos profesionais e das CC.AA". Consideran que deste xeito, poríase fin aos paróns médicos que están a impactar nos tempos de espera dos pacientes e cos que os facultativos continuarán despois do verán ante a falta de acordos co Ministerio de Sanidade.

O deputado popular Francisco Balado sinalou que “chama a atención que non queiran apoiar esta moción sobre todo porque son todos os sindicatos médicos das 17 Comunidades Autónomas os que están pedindo a modificación, non é o Partido Popular só. É unha petición que fan os colectivos médicos de Galicia, Asturias, Castela e León, o País Vasco, Cataluña, etc.”, aclarou. Balado deixou claro que “quen ten a competencia para modificar o Estatuto Marco non é a Comunidade Autónoma. É o propio Goberno do Estado”. Pero “cada vez que lles desvirtúan o debate da sanidade en clave autonómica póñense nerviosos”.

O popular sinalou que “as reivindicacións de PSOE e BNG nesta institución en materia sanitaria antes de que Sánchez chegara ao poder ían dirixidas tamén ao Goberno central”. Pero, dende entón, “esquecéronse e non lle fixeron nin unha soa petición en materia sanitaria”. E replicou: “a cada o seu. Ao Estado o que lle corresponde e á CC.AA. o que lle corresponde”.

Balado preguntou “se a sanidade é de todos, porque non se dirixen ao Goberno”. E incidiu en que “foi o que modificou o Estatuto Marco e o que provocou o enfado de todos os colectivos médicos”.

“Vostedes levan tempo criticando a falta de médicos en Atención Primaria”. E aínda que estea demostrado que “o Estatuto Marco proposto polo Goberno agrava eses problemas; agora non lles interesa a mellora da Atención Primaria, aínda que se vexa prexudicada pola redacción do novo Estatuto Marco. No fondo non lles importa a falta de médicos, o único que lles preocupa é ter motivos para protestar”, engadiu.

O deputado popular lembrou que “xa votaron en contra máis veces” de aplicar medidas para paliar o déficit de médicos: “no 2021 e 2022 Galicia quería avanzar con medidas propias, como fixeron outras Comunidades Autónomas, aprobando normas, por exemplo, para contratar médicos por concurso de méritos sen oposición e vostedes votaron en contra no Parlamento de Galicia”.

O BNG denuncia a "involución" do PP co galego e pide reforzar o apoio ao sector apícola

A portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Iria Castro, denunciou no pleno provincial a "involución" do PP respecto ao galego e reclamou recuperar o consenso político e social arredor da lingua acadado co Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004. A moción nacionalista foi aprobada e critica a proposta de actualización presentada pola Xunta o pasado 15 de xullo.

Castro censurou que o novo plan foi elaborado sen contar cos servizos de normalización lingüística nin con entidades como A Mesa, ademais de ignorar achegas do propio grupo de expertos da Xunta. Tamén advertiu de que elimina o mínimo do 50 % da docencia en galego, mantén a prohibición de impartir materias científicas nesta lingua e reduce a súa protección nos servizos públicos. Ao seu xuízo, trátase dun documento "inútil para o galego" e que non responde ao retroceso do uso da lingua, especialmente entre a mocidade.

No mesmo pleno, o BNG reclamou á Xunta medidas urxentes para apoiar o sector apícola, afectado pola expansión da avespa velutina, a varroa e a competencia do mel importado a baixo prezo. Iria Castro alertou da perda de 8.500 colmeas e 250 explotacións en Galicia entre 2023 e 2025 e criticou a falta de actuacións eficaces por parte do Goberno galego.

A moción, aprobada cos votos de BNG e PSOE, insta á Xunta a reformular as medidas de control da velutina, elaborar un estudo sobre o impacto das pragas nas explotacións e incrementar os fondos destinados ao Plan Apícola de Galicia.

0.11886286735535