A Deputación reclama á Xunta que a provincia conte cos fondos de compensación e esixe máis vivenda pública

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A sesión contou con público especial, xa que case medio cento de nenas e nenos do colexio San José aproveitaron a visita ao Pazo de San Marcos para ver en directo parte do debate político
pleno-deputacion-carmela
27 Oct 2026

O pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes dúas iniciativas centradas en cuestións que afectan ao desenvolvemento territorial e ao benestar da cidadanía: a distribución do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) e o impulso da vivenda pública da provincia. As dúas saíron adiante cos votos a favor de PSdeG, BNG e o deputado non adscrito, mentres que o PP votou en contra.

“Lugo necesita un reparto transparente dos fondos e investimentos que se traduzan en solucións reais para as persoas”, valorou a presidenta da Deputación, Carmela López, antes do comezo da sesión. “Non entendemos como a provincia de Lugo leva tantos anos quedando a cero no Fondo de Compensación Interterritorial, que precisamente debe servir para compensar os desequilibrios entre territorios. E tampouco abonda con anunciar 350 millóns de euros para vivenda se despois non se executan cando temos 3.444 solicitudes de vivenda protexida na nosa provincia”, engadiu.

No que ten que ver co FCI, o goberno provincial presentou unha proposta reclamando á Xunta de Galicia un modelo de reparto transparente e equilibrado, que teña en conta as necesidades específicas da provincia de Lugo.

“O desenvolvemento dunha provincia non pode ser a costa da exclusión doutra”, defendeu a voceira socialista, Pilar García Porto, durante o debate. Lembrou que leva sendo excluída desde o 2022 do reparto destes fondos, que suman unha media de 38 millóns de euros ao ano para Galicia.
No 2024, último ano analizado polo Consello de Contas, a totalidade do diñeiro foi para o hospital Montecelo, de Pontevedra.

“Non estamos pedindo privilexios para Lugo, estamos pedindo xustiza territorial. Un fondo creado para corrixir desigualdades non pode deixar fóra precisamente os territorios que máis necesitan ese equilibrio”, argumentou García Porto. “A Xunta debe establecer criterios públicos e obxectivos, repartir os recursos atendendo ás necesidades das catro provincias e explicar que destino lles dá aos fondos que quedan sen executar. Defender Lugo non é pedir máis ca ninguén: é esixir que non se nos dea menos do que nos corresponde”, engadiu.

Socialistas e nacionalistas sacaron adiante a iniciativa na que instan á Xunta a que revise o modelo de asignación dos fondos a un proxecto único e os distribúa entre as provincias que máis o precisan. É necesario considerar as necesidades en materia de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos á hora de establecer as prioridades de investimento, remarcaron.

García Porto instou á bancada da oposición, onde hai varios alcaldes, a preguntarse que modelo de reparto de fondos queren, contrapoñendo a práctica da Xunta co FCI ao Plan Deputación, que ten criterios obxectivos de asignación de fondos e que nalgunha época o PP quería atribuírseo, lembrou a voceira socialista.

A iniciativa aprobada tamén inclúe a petición á Xunta para que informe no Parlamento sobre a xestión do FCI nos últimos anos e sobre o destino dos remanentes pendentes de execución desde 2020.

Medidas para aumentar a oferta de vivenda pública

A segunda iniciativa, presentada polo grupo socialista, busca que o Executivo autonómico incremente a promoción de vivenda pública na provincia e apoie medidas orientadas a facilitar o acceso a unha vivenda digna, tanto para as persoas inquilinas como para os propietarios.

García Porto cifrou en 35.703 as persoas que están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, das que 3.444 delas pertencen á provincia de Lugo. Sinalou que, entre o 2010 e o 2023, a Xunta só promoveu 5.869 vivendas protexidas en toda a comunidade autónoma, cando é a a administración que ten as competencias nesta materia. “Menos anuncios e máis vivendas, porque o dereito a un fogar non pode quedar en promesas”, subliñou.

O goberno provincial insta á Xunta a aumentar o ritmo de execución do orzamento que consigna para vivenda, que cree unha bolsa de vivendas públicas para atender situacións de urxencia social e que axude aos concellos a abordar novas problemáticas que son comúns e que teñen un impacto directo na oferta de vivenda, como a proliferación de vivendas de uso turístico.

Así mesmo, o executivo insta á Xunta a que apoie as medidas medidas impulsadas polo Goberno de España en materia de alugueiro, estabilidade dos contratos e protección fronte aos desafiuzamentos.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, respondeu á moción do PP sobre a creación dun departamento de fondos europeos lembrando que a Deputación de Lugo conta xa desde o 2019 cunha área de Proxectos Europeos e que, desde 2007, a institución xestionou 74 millóns de euros en fondos europeos. Tamén destacou a creación recentemente do Centro de Innovación Territorial, dotado con seis técnicos, para reforzar a captación de recursos e apoiar os concellos da provincia.

Nese sentido, cuestionou a proposta dos populares ao considerar que reclama crear unha estrutura que xa existe e sinalou que, se agora o PP presume dese servizo na Deputación de Pontevedra é porque o puxo en marcha con anterioridade un goberno bipartito como o que xestiona a institución lucense. Rivera Capón referiuse a varios programas que a Deputación lucense puxo en marcha con fondos europeos, por exemplo, para axudar á dixitalización dos concellos ou para iluminación eficiente, e denunciou que numerosos concellos gobernados polo PP non se adheriron por intento de boicot ou deixadez.

Antonio Ameijide defendeu que os concellos máis pequenos da provincia necesitan acudir a institucións superiores para encarar investimentos e proxectos que non poden asumir cos seus orzamentos ordinarios, “polo que os fondos que hai dispoñibles en Europa supoñen un impulso fundamental para os municipios máis pequenos”.

O voceiro popular destacou que en Europa existe un importante volume de recursos que, para estes municipios, “son complicados de acadar xa que carecen de persoal técnico e infraestruturas para tramitar as convocatorias e cumprir coas exixencias administrativas”.

Rivera Capón cuestionou a falta de novas residencias públicas construídas pola Xunta de Galicia na provincia de Lugo durante oito anos de Fabiola García á fronte da Consellería de Política Social. Defendeu que a Deputación seguirá adiante coa apertura destes centros e reprochou aos populares que reclamen datas á institución provincial sen dar explicacións sobre a ausencia de novas residencias públicas autonómicas en Lugo.

O deputado contrapuxo así o esforzo da Deputación para ampliar a rede de atención ás persoas maiores coa xestión da Xunta nesta materia e reclamou maior compromiso coa creación de prazas públicas, ante as necesidades de atención e coidados existentes na provincia.

As mocións nacionalistas

O grupo provincial do BNG chamou á participación na folga xeral convocada para o 11 de novembro para reclamar políticas que palien a suba dos alimentos e dos combustibles e faciliten o acceso á vivenda. O deputado Efrén Castro sinalou a importancia da mobilización para avanzar en políticas sociais e impedir o avance da dereita e da extrema dereita durante o pleno provincial celebrado esta mañá, no que saiu adiante unha moción do BNG en apoio á convocatoria de folga.

O pleno provincial aprobou tamén unha moción do BNG que insta á Xunta de Galicia a incrementar a dotación de recursos e persoal do servizo de ambulancias. A portavoz nacionalista Iria Castro reclamou ao goberno galego que teña en conta a dispersión e a orografía da provincia na tramitación do novo contrato para a presentación do servizo. A deputada nacionalista explicou que "non chega con cumprir coas ratios de ambulancias por persoa, senon que cómpre ter en conta a dispersión e a orografía da provincia para garantir unha atención a situacións de emerxencia nos tempos axeitados"

A portavoz do BNG sinalou que a dotación e planificación actual xera situacións de "caos" e "colapso" que poden custar moi caro e que penalizan especialmente aos concellos máis afastados dos puntos nos que teñen base as ambulancias. Tamén se detivo na situación da Mariña, cunha única ambulancia de Servizo Vital Avanzado para 70.000 persoas desde 2019 e cun servizo mermado pola supresión dun técnico e a limitación do servizo a 12 horas.

Apoio ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderon hoxe una moción na que pretendía que a Deputación de Lugo apoaise de forma unánime o seu apoio á actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado no Parlamento de Galicia o pasado 7 de outubro, pero que “dende as filas do BNG empregaron para, unha vez máis, poñerse como propietarios da lingua galega e non ver o consenso ao que se chegou na defensa da lingua”.

Os deputados populares destacaron a importancia de manter o histórico escenario de consenso e unidade arredor do idioma, recordando que “o galego é a lingua propia de Galicia e as administracións públicas temos a obriga de garantir o seu uso normal e oficial, potenciando o seu emprego en todas as ordes da vida pública”.

A iniciativa, que se aprobou cos votos a favor de PP e PSOE e co voto en contra do BNG, tiña como fin respaldar o traballo impulsado polo Goberno galego no marco do Pacto pola Lingua, un proceso de diálogo no que participaron máis de 130 profesionais de diversos sectores e no que se recolleron máis de 1.400 achegas de institucións, entidades e particulares. O documento final, que inclúe preto de 700 medidas de promoción lingüística adaptadas ás novas formas de socialización, foi aprobado no Parlamento galego por unha amplísima maioría.

Para os deputados do Grupo Provincial Popular é fundamental que a Deputación de Lugo se sume a este gran pacto e traslade unha mensaxe clara de compromiso co idioma e coa convivencia lingüística.

Un pleno con público especial: nenos do colexio San José

Medio cento de alumnos e alumnas de entre 8 e 9 anos do colexio San José de Lugo asistiron este martes ao pleno ordinario da Deputación. Recibiunos o deputado Pablo Rivera e a presidenta compartiu con eles un tempo antes de arrancar a sesión para explicarlles o funcionamento da institución provincial e achegarlles o labor que desenvolve.

O alumnado amosouse moi participativo e interesado e lanzou moitas preguntas tanto ao deputado como á presidenta. Os estudantes eran coñecedores de que Carmela López é tamén a alcaldesa de Burela, preguntaron de onde eran “tantas bandeiras” e riron cando a presidenta lles contou que a provincia ten 67 concellos facendo a coñecida broma dos “six-seven”. Algúns mesmo lle pediron autógrafos, pero, como a sesión plenaria estaba a piques de comezar, López comprometeuse a facerlles chegar unha dedicatoria personalizada a cada un deles.

As nenas e os nenos tamén puideron ver un pequeno vídeo sobre a Deputación e os técnicos de Protocolo aportáronlles datos sobre o Pazo de San Marcos e sobre a institución.

0.16783881187439