A Deputación mellora o firme da estrada que une Canabal e Penacabreira en Sober

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de rehabilitación do firme na estrada provincial LU-P-5905, que conecta os núcleos de Canabal e Penacabreira, no concello de Sober. A actuación desenvólvese no primeiro quilómetro desta vía e supón un investimento de 47.190 euros. Os traballos son executados pola empresa Fevisa Vías y Obras SL.
A intervención permitirá renovar o pavimento da estrada, afectado polo paso do tempo e polo uso continuado. As actuacións inclúen a preparación da superficie existente, a reparación das zonas máis deterioradas e a aplicación dun novo firme, ademais da reposición da sinalización horizontal.
Con esta mellora conseguirase unha superficie de rodaxe máis uniforme e resistente, o que favorecerá unha circulación máis segura e cómoda. Tamén se incrementará a adherencia dos vehículos e melloraranse as condicións de tránsito para os usuarios desta vía.
A renovación do firme contribuirá igualmente a prolongar a vida útil da infraestrutura e a reducir as necesidades de conservación nos próximos anos, evitando que pequenos desperfectos deriven en danos de maior importancia e optimizando así os recursos destinados ao mantemento da rede provincial.
A LU-P-5905 é unha estrada de carácter local que comunica Canabal e Penacabreira, facilitando os desprazamentos da veciñanza e o acceso a explotacións agrogandeiras, vivendas e diferentes servizos do municipio. A actuación permitirá reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións de mobilidade nesta zona do concello.
Con este proxecto, a institución provincial continúa avanzando no seu plan de conservación e modernización da rede viaria, integrada por preto de 4.200 quilómetros de estradas.