A Deputación mellora a estrada entre Chantada e Carballedo por Santa Uxía e Cartelos

A estrada LU-P-1807, que conecta Chantada e Carballedo por Santa Uxía ata Cartelos, está a ser obxecto de traballos de mellora para reforzar a seguridade viaria e optimizar as condicións de circulación. As actuacións, cun investimento de case 250.000 euros por parte da Deputación de Lugo, permitirán acondicionar practicamente todo o trazado da vía, desde o seu inicio ata o punto quilométrico 9,4.
Os traballos, executados pola empresa Fevisa Vías y Obras SL, comezaron esta semana coa limpeza das cunetas. Nos vindeiros días está previsto continuar coa mellora do sistema de drenaxe e co acondicionamento do firme da estrada provincial.
A intervención terá especial incidencia nas parroquias de Santa Uxía e Cartelos, nos concellos de Chantada e Carballedo. Trátase dunha vía de uso habitual para a veciñanza da zona, xa que facilita os desprazamentos e o acceso aos servizos, ademais de favorecer a actividade económica da contorna.
A mellora da LU-P-1807 tamén busca reforzar a conexión e a mobilidade no rural de Galicia, facilitando os desprazamentos entre os diferentes núcleos e contribuíndo a mellorar as condicións de vida da poboación. Deste xeito, a actuación pretende favorecer a vertebración territorial e contribuír á fixación de poboación no territorio.