A Deputación inicia as obras na LU-P-1801 entre Chantada e Os Peares

RibeiraSacraXa
Os traballos contan cun investimento de máis de 300.000 euros e teñen un prazo de execución de tres meses
Traballos na LU-P-1801 entre Chantada e Os Peares
14 May 2026

A Deputación de Lugo iniciou os traballos de mellora do firme na estrada provincial LU-P-1801, que conecta Chantada con Os Peares ao seu paso pola zona de Nogueira. A actuación desenvólvese nun treito de 23 quilómetros, entre os puntos quilométricos 6 e 29, e conta cun orzamento superior aos 300.000 euros.

As obras, adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU, teñen un prazo de execución de tres meses. Nunha primeira fase levarase a cabo a limpeza e reapertura de cunetas para mellorar a drenaxe da vía, tras o cal se procederá á renovación do firme mediante traballos de pavimentación.

Desde a institución provincial enmarcan esta intervención dentro do plan de conservación e mellora da rede viaria, co obxectivo de reforzar a seguridade nas estradas de titularidade provincial. A LU-P-1801 é unha vía de especial relevancia para a mobilidade no sur da provincia, xa que conecta distintos núcleos de poboación e soporta tráfico local, agrícola e de servizos.

De forma paralela, a Deputación continúa executando nesta mesma estrada obras de emerxencia para a reparación dun muro de contención situado no quilómetro 14,5, na parroquia de Nogueira de Miño. Estes traballos avanzan a bo ritmo e prevese que a vía poida reabrirse ao tráfico nun prazo aproximado de dous meses.

0.12523603439331