A Deputación esixe á Xunta que retire o decreto que pecha os centros de saúde os sábados

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Intenso debate sobre a defensa xurídica de Tomé e onde o propio aludido tomou a palabra e asegurou ser inocente e haber pedido a cobertura xurídica que lle corresponde por ser deputado
equipo-goberno-deputacion-lugo
30 Jun 2026

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes reclamarlle á Xunta de Galicia a retirada do decreto que modifica a organización da atención primaria os sábados en horario de mañá. Unha medida que supón, na práctica, o peche de centros de saúde, unha maior presión asistencial sobre os Puntos de Atención Continuada (PAC) e un novo retroceso da sanidade pública no rural.

Así se acordou tras unha moción socialista aprobada co apoio do BNG e o Deputado non adscrito, e cos únicos votos en contra do PP.

“Estamos ante un novo golpe á sanidade pública e á atención de proximidade”, valorou a Presidenta da institución provincial, Carmela López, antes de entrar á sesión plenaria. “Falta planificación, sabemos que a poboación se triplica en moitísimas comarcas e non é aceptable que a solución aos problemas estruturais da atención primaria pase por cerrar consultas e trasladar toda a presión aos PAC”, engadiu.

Na defensa da iniciativa, o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, denunciou que o decreto foi aprobado sen diálogo cos profesionais sanitarios e que concentra a atención nos PAC sen reforzar os cadros de persoal nin os recursos dispoñibles. Tamén advertiu de que modifica de maneira unilateral as condicións laborais dos profesionais e agrava a sobrecarga dun servizo que xa sofre unha importante falta de persoal.

Cajoto lembrou que a medida foi rexeitada polos propios profesionais sanitarios e puxo como exemplo as dificultades de acceso á atención urxente en concellos como Friol, onde a veciñanza debe desprazarse a Lugo, Guitiriz, Palas de Rei, Outeiro de Rei ou Guntín. Ademais, sinalou que, segundo o Consello de Contas, un de cada tres profesionais do sistema sanitario galego ten un contrato eventual, unha porcentaxe que ascende ao 40 % no caso do persoal de enfermaría.

Coa aprobación da moción, a Deputación insta á Xunta a retirar o decreto, recuperar o modelo anterior de atención sanitaria os sábados e evitar o peche de centros de saúde e a ampliación forzosa dos horarios nos PAC. Tamén reclama a creación dun grupo de traballo cos profesionais para avaliar as necesidades do servizo, reforzar a atención sanitaria no rural e poñer en marcha un plan específico para atender o incremento de poboación durante os meses de verán.

Demanda dun plan estratéxico de servizos sociais

A Deputación de Lugo tamén demandará á Xunta de Galicia un plan estratéxico de servizos sociais e a transparencia no seu financiamento e no do sistema galego de dependencia. A medida quedou tamén aprobada no Pleno celebrado este martes no Pazo de San Marcos tras unha moción socialista que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG, BNG e o Deputado non adscrito e os votos en contra do PP.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, sinalou na sesión plenaria que o envellecemento da poboación, a dispersión xeográfica ou a maior lonxevidade das persoas están a incrementar as necesidades asistenciais das persoas maiores e dependentes de toda Galicia. Unha situación que se ve agravada polas “importantes” carencias en materia de planificación, coordinación e financiamento como evidencian as cifras oficiais.

Nese sentido destacou que segundo o Observatorio Estatal de Dependencia, Galicia é unha das comunidades autónomas con menor investimento por persoa potencialmente dependente. Así mesmo, recalcou que os informes da Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en servizos sociais revelan que Galicia investiu no 2025 unha media de 1.490 euros por persoa dependente fronte aos 3.102 euros do País Vasco, os 2.757 euros de Extremadura, os 2.632 euros de Baleares, ou os 2.578 euros de Navarra.

A iniciativa aprobada inclúe instar á Xunta a elaborar e aprobar o Plan Estratéxico de Servizos Sociais de Galicia previsto por Lei; presentar un informe detallado e público sobre as achegas económicas destinadas ao financiamento do sistema de dependencia en Lugo entre o 2012 e o 2025; a que reforce o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar; e a desenvolver unha planificación real e coordinada de prazas residenciais e recursos sociais.

O Pleno provincial sacou adiante, por unanimidade, unha Declaración Institucional reafirmando o seu compromiso cos dereitos do colectivo LGTBI, con motivo do Día Internacional do Orgullo que se conmemorou o pasado domingo 28 de xuño. Un texto que denuncia a persistencia da discriminación e a violencia e chama a reforzar as políticas públicas de igualdade, protección, educación e convivencia inclusiva.

O BNG defende a Sanidade pública

O BNG levou ao pleno da Deputación de Lugo dúas iniciativas centradas na sanidade pública da Mariña e na prevención dos incendios forestais. A primeira delas reclamaba á Xunta que rectifique o peche de 36 camas no Hospital da Mariña durante os meses de verán, unha medida que, segundo denunciou o deputado Daniel García, reduce a capacidade asistencial nun período no que a poboación da comarca chega a triplicarse.

O nacionalista criticou que mentres o PP celebra o 40 aniversario do Hospital de Burela, pecha camas e reduce persoal, destinando os profesionais a cubrir vacacións e necesidades doutros servizos. Segundo explicou, esta situación provoca derivacións de pacientes ao HULA de Lugo, obrigando tamén ás súas familias a desprazarse. A moción saíu adiante malia o voto en contra do Partido Popular.

No mesmo pleno, o BNG advertiu dos incumprimentos da Xunta en materia de prevención de incendios ao non executar a limpeza das faixas secundarias de protección comprometidas nos concellos de menos de 10.000 habitantes. A través dunha proposta de goberno, a formación reclamou políticas de prevención “reais e eficaces”, con máis recursos, medios e capacidade de xestión.

Daniel García criticou a “propaganda forestal” do Executivo galego e defendeu unha estratexia baseada na prevención activa durante todo o ano, na valorización do monte e na diversificación dos seus usos. Nesa liña, puxo en valor o programa provincial “O que non arde”, destinado a apoiar a gandería extensiva e o aproveitamento sostible do territorio como ferramenta de prevención dos lumes.

Rexeitadas as dúas propostas do Partido Popular

O pleno rexeitou as dúas iniciativas presentadas polo Grupo Provincial Popular, centradas na defensa xurídica de José Tomé e na ampliación do Museo Provincial do Mar de San Cibrao.

No primeiro debate, o PP propuxo impedir que a Deputación financie, de forma directa ou indirecta, a defensa de cargos públicos investigados por presuntos delitos de acoso ou agresión sexual. O voceiro popular, Antonio Ameijide, acusou ao PSOE e ao BNG de manter o seu apoio a José Tomé e advertiu de que os recursos públicos poderían acabar sufragando a súa defensa xurídica.

Ameijide cualificou a situación de “indecencia” e sostivo que Tomé solicitou a cobertura de gastos legais por importe de 37.000 euros máis IVE. Ademais, criticou á presidenta provincial, Carmela López, por non aclarar se determinadas actuacións atribuídas ao ex presidente poden considerarse relacionadas co exercicio do cargo.

Desde o goberno provincial, PSOE e BNG negaron que exista acordo algún para asumir esa defensa. Carmela López asegurou que non hai resolución nin acordo da Xunta de Goberno e explicou que o único existente é unha póliza de responsabilidade civil que cobre a todos os deputados provinciais. Pola súa banda, o portavoz do BNG, Efrén Castro, afirmou que “non hai nin un só euro da Deputación” destinado a pagar a defensa de Tomé e acusou ao PP de construír unha moción baseada en “mentiras”.

José Tomé tamén interveu para defenderse, asegurando que nunca pediu diñeiro á Deputación e que simplemente comunicou unha situación contemplada na póliza, da que poden beneficiarse todos os membros da corporación.

No segundo asunto, o PP reclamou que a Deputación respondese á proposta do Concello de Cervo para ampliar o Museo Provincial do Mar. O viceportavoz popular, Demetrio Salgueiro, destacou o esforzo realizado polo municipio, que adquiriu con fondos propios unha vivenda e un terreo lindeiro para facilitar a ampliación das instalacións.

Salgueiro lamentou que o goberno provincial non dese resposta á petición municipal e defendeu que a actuación permitiría gañar espazo para exposicións, actividades didácticas, investigación e conservación de fondos, nun museo que considera estratéxico para o turismo da Mariña.

Porén, PSOE e BNG non apoiaron a iniciativa popular, polo que a proposta non prosperou. Os populares criticaron a falta de compromiso do goberno provincial cun proxecto que, segundo lembraron, leva máis de vinte anos reclamando unha ampliación para atender o crecemento das coleccións e o incremento de visitantes.

0.12428998947144