A Deputación destina máis de 1 millón de euros para estradas de Negueira de Muñiz, O Vicedo e Chantada

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou destinar máis de 1 millón de euros para continuar avanzando na mellora da mobilidade na provincia, segundo informou a presidenta provincial, Carmela López, tras a reunión celebrada no Pazo de San Marcos.
A mandataria destacou que a accesibilidade territorial é unha das principais prioridades do goberno provincial, ao considerar que inflúe directamente na calidade de vida da veciñanza en aspectos como a autonomía, o benestar, o desenvolvemento económico e o acceso a oportunidades. Neste sentido, subliñou que o investimento responde a un modelo de conectividade máis segura, moderna e útil.
Entre as actuacións aprobadas figura a rehabilitación do firme da estrada LU-P-1819 en Chantada, que conecta Quinzán das Peras e Mundín. As obras contan cun orzamento de preto de 280.000 euros e afectarán a máis de 3,7 quilómetros de vía. Os traballos incluirán melloras na drenaxe, pavimentación con aglomerado en quente, sinalización e pintado da estrada, cun prazo de execución estimado de catro meses.
No municipio do Vicedo, a empresa CHOLO SL foi adxudicataria das obras de mellora en varios tramos da LU-P-6405, unha vía de carácter turístico que conecta co Alto de Moreiras. O proxecto supón un investimento de algo máis de 136.000 euros e permitirá renovar o firme, mellorar a drenaxe e actualizar a sinalización.
Na cidade de Lugo, a empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU será a encargada da rehabilitación da rúa Filarmónica, cun investimento de preto de 100.000 euros. A actuación inclúe a repavimentación con aglomerado, o pintado da zona de aparcamento próxima ao Pazo dos Deportes, a instalación de pasos de peóns elevados e a mellora da sinalización, cun prazo de execución de catro meses.
Ademais, na comarca da Montaña, a empresa CHOLO SL executará obras de mellora en dúas estradas municipais de Negueira de Muñiz, consideradas clave para o acceso a servizos básicos como o transporte escolar, a asistencia sanitaria ou xestións administrativas. A vía que conecta Carballín e Bustelo contará cun investimento de 200.000 euros, mentres que a que une Negueira e Seira disporá de 140.000 euros. En ambos casos, os traballos consistirán na mellora da drenaxe e do firme con aglomerado, cun prazo de execución de dous meses por actuación.