A Deputación de Lugo mellora dúas estradas que conectan Chantada con Carballedo

RibeiraSacraXa
Os traballos afectan a dúas vías provinciais que dan servizo á mobilidade local, agrícola e de servizos na comarca
deputacion-Traballos-na-LU-P-2604-en-Xove
17 Sep 2026

A Deputación de Lugo puxo en marcha dúas actuacións en estradas provinciais que conectan os concellos de Chantada e Carballedo, dentro do seu programa de mantemento da rede viaria provincial.

Unha das intervencións desenvólvese na vía que enlaza Chantada coas localidades de Santa Uxía e Cartelos, onde xa comezaron os traballos de limpeza das cunetas. Esta actuación, adxudicada por un importe de 245.100 euros, permitirá acondicionar practicamente todo o trazado da estrada.

A segunda actuación céntrase na vía que une Chantada con Nogueira e Os Peares, onde se está a mellorar un tramo de 23 quilómetros. Neste caso, os traballos xa incluíron a limpeza e reapertura das cunetas, e recentemente comezou a renovación do firme. Esta intervención conta cun orzamento de 313.199,82 euros.

Ambas as estradas cumpren un papel clave para a mobilidade dos veciños da zona, ademais de facilitar a actividade agrícola e o acceso a distintos servizos nesta parte da comarca da Ribeira Sacra.

Estas obras enmárcanse dentro do esforzo continuado da institución provincial por manter en bo estado unha rede viaria que supera os 4.000 quilómetros no conxunto da provincia, co obxectivo de garantir a seguridade e a circulación dos veciños do rural.

0.15480399131775