A Deputación de Lugo inviste máis de 330.000 euros no arranxo da LU-P-1801 entre Os Peares e Chantada

RibeiraSacraXa
Concretamente, os traballos céntranse na reparación dun muro no quilómetro 15 da estrada
150426 Inicio traballos LU-P-1801
15 Apr 2026

As actuacións contan cun orzamento superior aos 330.000 euros e un prazo de execución de catro meses, e inclúen un estudo xeotécnico do terreo e o reforzo da estrutura mediante micropilotes e ancoraxes.
A Deputación de Lugo puxo en marcha esta semana unha intervención de emerxencia para reforzar un muro de sostemento situado no quilómetro 15 da estrada LU-P-1801, vía que conecta Os Peares e Chantada ao seu paso pola parroquia de Nogueira de Miño.

Os traballos están sendo executados pola empresa Xermolo S.A. e teñen como obxectivo estabilizar o muro e recuperar as condicións de seguridade da vía. Para iso, está previsto realizar un estudo xeotécnico previo do terreo e, a continuación, proceder ao reforzo da estrutura mediante micropilotes e ancoraxes.

A actuación foi declarada de emerxencia tras detectarse unha situación de inestabilidade nun tramo duns 35 metros, provocada pola aparición dunha fenda na calzada que afectaba a este punto da infraestrutura. Desde entón, o treito permanece pechado ao tráfico.
Trátase dunha intervención de elevada complexidade debido ás características xeotécnicas da zona e á súa proximidade ao leito do río Miño, nun contorno de viñedos con actividade agrícola e tránsito local.

O investimento previsto supera os 330.000 euros e enmárcase nas actuacións urxentes da Deputación de Lugo destinadas a garantir a conservación e a seguridade da rede viaria provincial.

0.11750483512878