A Deputación de Lugo investirá preto de 251.000 euros en mellorar estradas provinciais en Pantón e O Saviñao

RibeiraSacraXa
As actuacións, aprobadas na última xunta de goberno, afectarán a dous tramos viarios que conectan distintas parroquias de ambos os dous concellos, cun prazo de execución de catro meses
Deputación de Lugo Xunta de Goberno
30 Oct 2026

A Deputación de Lugo deu luz verde á licitación de dúas actuacións nas estradas provinciais que atravesan os concellos de Pantón e O Saviñao, dentro dun paquete máis amplo de investimentos na rede viaria provincial aprobado este venres en xunta de goberno. O importe conxunto de ambas as dúas obras ascende a 250.640 euros, cun prazo de execución previsto de catro meses.

A primeira das intervencións desenvolverase na LU-P-3204, nun tramo de 520 metros que dá servizo ás parroquias de Moreda e A Vide, dentro do concello de Pantón.

A segunda actuación levarase a cabo na LU-P-4112, vía que une Pantón con O Saviñao, onde se acondicionarán os primeiros seis quilómetros, desde o núcleo de Reguengo, na parroquia de San Vicente de Castillón, ata Lamaquebrada, en Fión.

Estas obras enmárcanse dentro dun conxunto maior de investimentos que a institución provincial aprobou para distintos puntos da rede viaria, que no conxunto da provincia supera os 4.000 quilómetros. A voceira socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, subliñou que este tipo de acordos “dan resposta a necesidades concretas dos concellos e da veciñanza”, e insistiu en que a institución mantén “un traballo constante para mellorar as comunicacións e a seguridade nos desprazamentos” en toda a provincia.

As actuacións en Pantón e O Saviñao súmanse a outras obras licitadas o mesmo día en Paradela e Guntín, no marco dun plan de mellora que contempla tamén a renovación do firme, a limpeza das cunetas e a actualización da sinalización horizontal nos tramos intervidos.

0.15285301208496