A Deputación de Lugo impulsa a transformación de Taboada cun investimento de máis dun millón de euros

RibeiraSacraXa
A presidenta provincial supervisou este martes as actuacións en mobilidade, patrimonio e servizos municipais en distintos puntos do concello
olimpia-lopez-roi-rigueira
24 Jun 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, visitou este martes o municipio de Taboada xunto ao alcalde, Roi Rigueira, para avaliar os investimentos que a institución provincial está a desenvolver no territorio, que superan o millón de euros.

Durante a xornada supervisaron actuacións relacionadas coa mobilidade e a seguridade viaria, a recuperación e posta en valor do patrimonio público e o reforzo dos servizos municipais.

A responsable provincial afirmou que “Taboada é un exemplo da nosa forma de traballar na Deputación, da man dos concellos, con investimentos que teñen un impacto directo na calidade de vida da veciñanza e que contribúen a construír un rural con máis oportunidades e futuro”. Ademais, explicou que desde a institución provincial non se financian “obras hiladas”, senón que o obxectivo é “impulsar unha estratexia de desenvolvemento local e cohesión territorial co obxectivo de que a xente poida desenvolver o seu proxecto de vida no rural”.

Tras a recepción no Concello, visitaron as obras do edificio da antiga Cámara Agraria na Praza de Mañuelos, que está a ser rehabilitado con fondos provinciais para converterse nun local multiusos e que tamén acollerá unha oficina de Correos na planta baixa.

En materia de mobilidade, percorreron a entrada sur da vila, na antiga N-540, onde se executa un proxecto que inclúe beirarrúas, zonas de aparcamento, renovación do pavimento, novo alumeado público, mobiliario urbano e plantación de árbores.

Tamén revisaron actuacións na rede viaria provincial ao paso polo municipio, como a LU-P-4905 entre Portomarín e Taboada, a LU-P-6001 entre o núcleo urbano e as parroquias de Ada e Mundín, e a LU-P-6003 entre Couto e Viloide, xa no límite con Monterroso. Estas intervencións superan conxuntamente o medio millón de euros e buscan mellorar a conexión territorial e a actividade económica.

No ámbito dos servizos municipais, comprobaron a adquisición dun tractor financiado con preto de 60.000 euros, destinado a mellorar a capacidade operativa do Concello e axilizar tarefas de mantemento e servizos básicos.

A visita concluíu na Casa Escola da parroquia de Meixonfrío, un edificio recuperado con máis de 30.000 euros de achega provincial e convertido en local social para uso veciñal, co obxectivo de dinamizar a vida comunitaria no rural.

0.11127090454102