A Deputación de Lugo e o Concello De Ribas de Sil asinan un convenio para mellorar infraestruturas e servizos municipais

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración destinado a mellorar infraestruturas e servizos estratéxicos no municipio. O acordo conta cun orzamento total de 156.000 euros, dos que a institución provincial achega 100.000 euros.
Carmela López destacou que esta colaboración se enmarca no compromiso do Goberno provincial de cooperación cos concellos e sinalou que “este tipo de colaboracións permiten que municipios pequenos como Ribas de Sil poidan acometer investimentos en dotacións e servizos que, doutro xeito, serían difíciles de asumir e que teñen un impacto directo no benestar dos seus veciños e veciñas”.
Entre as actuacións previstas inclúese o acondicionamento da estrada de acceso a Figueiredo, na parroquia de Piñeira, cun investimento próximo aos 60.000 euros. Os traballos abranguen un treito de 1.130 metros e consistirán na limpeza de cunetas, mellora da drenaxe e rehabilitación do firme con aglomerado en quente.
O convenio contempla tamén actuacións na Rúa do Sil, no núcleo de San Clodio, cun investimento de 21.260 euros, que incluirán a reposición de beirarrúas e pasos elevados, a construción de dous badéns e a instalación de sinalización horizontal e vertical, ademais de sinais LED nas marxes do pavimento.
No ámbito da eficiencia enerxética, prevese a renovación do alumeado público na aldea da Fraga e no paseo da praia fluvial de San Clodio, cun investimento de case 18.000 euros, co obxectivo de reducir o consumo enerxético e mellorar a seguridade nestes espazos.
En Barreiro, na parroquia de Nogueira, ampliarase a rede de saneamento para dar servizo a todas as vivendas existentes cun investimento de 11.000 euros. Pola súa parte, en Vilardonas, na parroquia de Ribas de Sil, renovarase un tramo da condución de auga cun orzamento de 13.600 euros.
O acordo inclúe tamén a adquisición de equipamento municipal por preto de 15.000 euros, destinado a eventos culturais e festivos e ao Servizo de Axuda no Fogar, con material como camas articuladas, guindastres e cadeiras adaptadas.
Así mesmo, destinaranse preto de 17.400 euros á organización de actividades culturais e deportivas no municipio, entre elas a Festa do Viño e a Festa da Xuventude, co obxectivo de contribuír á dinamización social, cultural e económica de Ribas de Sil.