A Deputación de Lugo destinará 345.000 euros á mellora da LU-P-6001 entre Taboada e Mundín

A Deputación de Lugo comprometeu un investimento de 345.000 euros para a mellora da estrada LU-P-6001, que conecta Taboada con Mundín pasando por Taboada dos Freires, co obxectivo de reforzar a seguridade e a mobilidade neste eixo viario.
As actuacións previstas centraranse en distintos treitos da vía. No ámbito urbano, desde o cruce coa Avenida de Lugo ata o punto quilométrico 1+260, aproximadamente á altura dos depósitos de auga, levarase a cabo unha renovación integral do firme mediante aglomerado en quente. Ademais, actualizarase a sinalización, incorporaranse elementos de seguridade e realizaranse melloras na ponte situada sobre a N-540.
Por outra banda, no tramo comprendido entre o punto quilométrico 1+260 e o 6, en dirección a Taboada dos Freires, as obras centraranse nas zonas máis deterioradas. Nestes puntos aplicaranse traballos de saneamento e procederase á renovación da capa de rodadura.
Con esta intervención, a institución provincial busca dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza da zona, ao tempo que se mellora a circulación para as numerosas parroquias que empregan a diario esta estrada.