A Deputación de Lugo destina máis de 150.000 euros ao Concello de Ribas de Sil para mellora das infraestruturas e servizos

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou un novo convenio de colaboración co Concello de Ribas de Sil, cun investimento conxunto superior aos 150.000 euros destinado á mellora de infraestruturas, espazos públicos e servizos municipais.
O acordo contempla a execución de nove actuacións repartidas por distintas zonas do municipio, co obxectivo de reforzar a accesibilidade, a seguridade viaria e a calidade dos servizos básicos.
Entre as intervencións previstas destaca a mellora do firme de acceso a Figueirido, na parroquia de Piñeira, así como a renovación do alumeado público na Rúa Antonio Pedrosa-Pumares, en San Clodio. Tamén se inclúe a construción de pasos peonís elevados e melloras nas beirarrúas nalgúns puntos do núcleo urbano.
O convenio prevé ademais a ampliación da rede de abastecemento en Barreiro e a instalación de luminarias solares na Fraga e no paseo fluvial de San Clodio, co obxectivo de avanzar na eficiencia enerxética e na mellora da iluminación en espazos públicos.
Así mesmo, o acordo incorpora a adquisición de mobiliario para eventos culturais e festivos, novo equipamento para o Servizo de Axuda no Fogar e a organización de actividades culturais, deportivas e festivas durante o verán, entre elas a IV Festa do Viño e a Festa da Xuventude.