A Deputación de Lugo adxudica obras para mellorar once quilómetros de estradas en Taboada e Quiroga

A Deputación de Lugo segue a avanzar no seu programa de conservación da rede viaria provincial con dúas novas adxudicacións de obras que beneficiarán aos concellos de Taboada e Quiroga, segundo se acordou na última xunta de goberno celebrada pola institución.
No caso de Taboada, adxudicouse a rehabilitación do firme da estrada LU-P-1809, vía que comunica Chantada con Antas de Ulla ao seu paso por Taboada. Os traballos centraranse nun treito de preto de tres quilómetros, en concreto entre os puntos quilométricos 12,3 e 15,3. Ademais da renovación do pavimento, o proxecto inclúe melloras complementarias na sinalización da vía, e fixouse unha ampliación do prazo de garantía da obra ata os tres anos.
Pola súa banda, no Concello de Quiroga adxudicouse a rehabilitación do firme de dous treitos distintos da rede provincial. O primeiro corresponde á estrada LU-P-5001, entre as localidades de Ponte Barreiro e Vilarbacú, mentres que o segundo afecta á LU-P-5004, entre Cruz de Outeiro e Ferramulín, chegando ata o límite coa provincia de Ourense. No seu conxunto, estas actuacións suman un total de oito quilómetros de estrada e supoñen un investimento de 158.374,61 euros, cun prazo de execución previsto de catro meses.
Estas intervencións forman parte dun conxunto máis amplo de actuacións aprobadas pola Deputación para mellorar distintos treitos da rede viaria provincial, integrada por máis de 4.100 quilómetros de estradas que conectan núcleos de poboación e enlazan con vías de maior capacidade, facilitando así os desprazamentos da veciñanza e a comunicación entre os distintos concellos da provincia.