A Deputación completa a información do Náutico de Augas Mestas e abre mañá un novo prazo para presentar solicitudes

A Deputación de Lugo completou a documentación do procedemento para volver poñer en funcionamento o Náutico de Augas Mestas, no concello de Quiroga, coa publicación este luns na Plataforma de Contratación do Sector Público da información solicitada polas persoas e entidades interesadas durante a fase de aclaracións.
Entre a documentación incorporada figuran os datos relativos ao inmoble, a acta da visita técnica realizada ás instalacións e o documento no que se recollen as respostas ás cuestións formuladas durante o proceso. A intención é que todas as persoas e entidades que opten á concesión dispoñan da mesma información e poidan presentar as súas solicitudes en condicións de igualdade.
A publicación pon fin á fase de aclaracións iniciada tras a visita técnica ás instalacións, que permitiu ás persoas interesadas coñecer directamente o estado do equipamento e formular as dúbidas que considerasen necesarias antes de concorrer ao procedemento.
O novo prazo para presentar solicitudes publicarase este martes, 25 de agosto, e permanecerá aberto durante dez días hábiles. A Deputación lembra que o procedemento fora suspendido temporalmente precisamente para poder responder ás cuestións formuladas por varias empresas e entidades interesadas e garantir que todas contasen coa mesma información antes de presentar as súas propostas.
A institución provincial sinala que, no momento en que se acordou esa suspensión, non se presentara ningunha oferta, polo que a medida non prexudicou ningunha das empresas ou entidades interesadas. A suspensión non implicou a anulación do procedemento, senón unha actuación administrativa destinada a resolver as dúbidas existentes e completar a información dispoñible.
Unha vez rematada esta fase, a tramitación continúa coa apertura do novo prazo de presentación de solicitudes, co obxectivo de avanzar na concesión do Náutico de Augas Mestas con garantías de legalidade, transparencia e igualdade de trato entre todas as persoas e entidades participantes.
O procedemento busca recuperar para a actividade este equipamento de titularidade provincial e contribuír á posta en valor do espazo e do seu potencial turístico e económico.