Suspendida temporalmente a licitación do Náutico de Augas Mestas para aclarar consultas das empresas

A Deputación de Lugo informou de que o procedemento para a concesión do Náutico de Augas Mestas permanece suspendido de forma temporal, aínda que subliña que a licitación non foi anulada e que continuará a súa tramitación unha vez resoltas as cuestións formuladas polas empresas interesadas.
Segundo explica a institución provincial, durante o prazo de presentación de ofertas varias empresas e entidades trasladaron consultas e solicitaron aclaracións sobre diferentes aspectos do procedemento.
A Deputación lembra que a normativa obriga a garantir que toda a información estea dispoñible para todos os posibles licitadores en igualdade de condicións, polo que as respostas ás consultas non poden facilitarse unicamente ás empresas que as formularon. Por este motivo acordouse a suspensión temporal do proceso, unha medida que considera habitual nos procedementos de contratación pública cando é necesario aclarar cuestións que poden afectar ao conxunto dos participantes.
A institución provincial tamén destaca que, no momento de adoptarse esta decisión, non se presentara ningunha oferta, polo que a suspensión non ocasiona prexuízos a ningunha empresa.
A Deputación asegura que mantén a súa intención de poñer en funcionamento o Náutico de Augasmestas e continuará coa tramitación do expediente respectando todas as garantías xurídicas e administrativas.
Como parte deste proceso, convocouse unha visita técnica ás instalacións para o vindeiro 28 de xullo ás 11.00 horas. Durante ese encontro, o persoal técnico provincial atenderá presencialmente as consultas formuladas polas persoas e entidades interesadas.
Unha vez resoltas todas as dúbidas e completadas estas actuacións, a licitación retomarase coa súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público para que todas as empresas poidan concorrer nas mesmas condicións.