A compañía Arte Feito levará a función 'Soños' ao Multiusos de Monforte

RibeiraSacraXa
A función terá lugar este xoves 21 de novembro
Artefeito
'Soños', Arte Feito
18 Nov 2024

O Equipo de Goberno do Concello de Monforte programa para este xoves 21 de novembro ás 20.15 horas no Edificio Multiusos unha nova obra de teatro, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó segundo trimestre deste ano 2024.

Así, terá lugar a coa posta en escena da obra para adultos Soños, da compañía Arte Feito, unha peza dirixida por Támara Canosa, escrita por Fernando Epelde e representada por Victoria Pérez, Anxo Outumuro e Sara Ferro. Un gran equipo de profesionais para realizar a primeira obra que aborda a realidade da mocidade en risco de exclusión cunha posta en escena chamativa e un estilo cru e directo.

A obra está creada pola unión de Artefeito con Igaxes, entidade especializada no traballo con menores en risco de exclusión, e con Culturactiva. A unión de forzas e de sinerxías de calidade está presente tamén detrás do pano para achegar unha peza única. É unha obra para público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados. Previamente, pola mañá, as 12.30 horas, a obra será interpretada para alumnos e alumnas de Bacharelato dos centros educativos de Monforte.

Sinopse

A compañía Arte Feito presenta Soños, que é a primeira obra teatral galega que trata a situación da mocidade tutelada dun xeito integral. Un espectáculo divertido, ameno e sorprendente, pero tamén cunha gran forza social. Unha ficción moi realista e con moito ritmo que nace do contacto directo do autor e directora con mocidade tutelada, levando as súas experiencias ao escenario.

Soños é unha ventá a realidade da mocidade en risco de exclusión: amósanos o seu contexto, as súas aspiracións, os seus medos. Un espectáculo que vai chegar con moita facilidade ao corazón e á cabeza do público adulto e xuvenil.

Próxima obra

A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, esta vez dirixida a todos os públicos, será Os Outros de Teatreiras-Monforte, que terá lugar o sábado 30 de novembro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, ás 20:00 horas, sendo a entrada gratuíta. Esta peza está integrada no Circuíto de Teatro Afeccionado da área de cultura da Deputación de Lugo.

0.15336298942566