A CHMS remata as obras de mellora do pantalán de Pincelo

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) rematou as obras de reparación e modernización do pantalán da súa propiedade situado nas inmediacións do núcleo de Pincelo, en Chantada, no encoro dos Peares. A infraestrutura será cedida ao Concello de Chantada e permitirá o amarre de ata nove embarcacións.
O pantalán está formado por unha estrutura principal de 12 metros de lonxitude e 2,46 metros de ancho, con voadizos de menor francobordo de 0,50 metros nas cabeceiras, así como por unha pasarela de acceso de 12 metros, unidas mediante un pantalán intermedio de 4 metros por 2,46 metros.
As actuacións realizadas incluíron a limpeza, roza e poda da vexetación existente na zona de acceso, así como a retirada do pavimento de madeira deteriorado e das viguetas sobre as que se apoiaba. Tamén se procedeu á limpeza de toda a estrutura de aluminio, á substitución dos tacos elastómeros de unión entre os pantalanes intermedio e principal e á colocación de flotadores auxiliares.
Ademais, instaláronse viguetas de aluminio sobre a estrutura metálica para soportar o novo pavimento, composto por táboas macizas de composite, e repuxéronse as defensas laterais. A actuación completouse coa instalación de catro separadores tipo fingers, que permiten realizar os amarres das nove embarcacións, e coa construción dunha porta de aluminio na pasarela de acceso. As obras foron executadas durante este mes de agosto pola empresa RONAUTICA QUALITY MARINAS S.L.U., cun investimento de 30.576 euros.
O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, explicou que este pantalán será cedido ao Concello de Chantada e que constitúe o primeiro dos catro pantalanes públicos de tamaño medio, con capacidade para entre nove e dez embarcacións, que o organismo pretende poñer en funcionamento no encoro dos Peares. A previsión é contar cunha infraestrutura deste tipo en cada un dos municipios bañados polas súas augas.
A maiores, o proxecto contempla dous pantalanes de maior tamaño, con capacidade para 40 amarres, que estarán situados en Belesar e nos Peares.
“En xullo asinei cos alcaldes de Carballedo, Chantada, Ferreira de Pantón e O Saviñao os acordos de colaboración que posibilitan a construción de catro pantalanes públicos para a súa entrega aos citados municipios, que se encargarán do seu mantemento e conservación; a día de hoxe, está listo xa o primeiro, situado en O Pincelo”, explicou Quiroga.
O presidente da CHMS lembrou tamén que o incremento da actividade turística na Ribeira Sacra provocou unha maior presión sobre o espazo fluvial, especialmente pola demanda de actividades náuticas. Neste contexto, a CHMS desenvolveu o Plan de Ordenación da Navegación e Atraque (PONARS), co obxectivo de garantir un equilibrio entre a conservación da natureza e da paisaxe e a actividade humana, promovendo un uso harmónico e respectuoso das augas dos ríos Miño e Sil.
“Como xa indiquei, entre as medidas que incluía o PONARS estaba a de fixar criterios xerais para a autorización de novos pantalanes, dando prioridade aos pantalanes de titularidade pública, cumprindo os criterios establecidos no Plan, para avanzar cara a un desenvolvemento turístico organizado na Ribeira Sacra”, concluíu Quiroga.