A CHMS destina preto de 990.000 euros á reparación dos danos causados polos temporais no río Cabe

RibeiraSacraXa
Os traballos céntranse na zona de Sambade, concretamente no treito comprendido entre o Club Fluvial e Ribas Altas
rio-cabe-monforte
29 Apr 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) destina preto de 990.000 euros á reparación dos danos provocados polos temporais do pasado mes de xaneiro no río Cabe, ao seu paso polo municipio lucense de Monforte de Lemos.

O presidente do organismo, José Antonio Quiroga, supervisou as obras que se están a levar a cabo na zona de Sambade, concretamente no treito comprendido entre o Club Fluvial e Ribas Altas. Os traballos buscan reverter o deterioro sufrido nesta contorna tras varios episodios de forte temporal que afectaron a Galicia a finais de xaneiro de 2026.

Segundo os informes técnicos, as choivas intensas e as enchentes provocaron unha notable erosión en aproximadamente 210 metros do paseo fluvial do río Cabe. Nalgúns puntos, o paso quedou reducido a apenas 60 centímetros de ancho, cun desnivel de entre oito e nove metros sobre o leito do río, o que supón un risco considerable para os viandantes. Ademais, o deterioro podería seguir avanzando, comprometendo tanto a seguridade dos sendeiristas como a estabilidade dos peches de leiras privadas próximas.

Para facer fronte a esta situación, a actuación contempla a protección da marxe dereita do río mediante a construción dunha escollera que se reforzará con técnicas de bioenxeñaría. Esta intervención permitirá consolidar o terreo e recuperar a servidume de paso en condicións seguras.

As obras, que comezaron recentemente e foron adxudicadas á empresa Eneas Servicios Integrales, S.A., prolongaranse previsiblemente ata finais do verán.

Durante a visita, Quiroga subliñou a importancia destas intervencións que, segundo destacou, consisten “na protección da marxe dereita do río e na recuperación da servidume de paso, co obxectivo de consolidar as marxes e de evitar perigo para persoas e bens ante futuros temporais”.

0.1280369758606