A CHMS defende as obras de emerxencia realizadas no río Cabe

RibeiraSacraXa
O organismo subliña a “importancia destas actuacións”, cuxo único obxectivo, aseguran, “é evitar danos ás persoas e aos seus bens”
acceso obras emergencia no río Cabe
12 May 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) respondeu ao BNG tras as críticas dos nacionalistas ás obras de emerxencia executadas polo organismo autónomo, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, na marxe dereita do río Cabe, entre o Club Fluvial e Ribas Altas, ao seu paso por Monforte de Lemos.

O presidente da Confederación, José Antonio Quiroga, explicou que, para dar solución aos problemas provocados polos temporais do pasado inverno —que agravaron a erosión da marxe dereita do río e provocaron o derrube do noiro e parte da zona de servidume, segundo indicaron veciños e confirmaron os informes da gardería fluvial—, se proxectou a protección duns 210 metros lineais do río e a recuperación da servidume de paso.

Esta actuación materialízase mediante a construción dunha escollera rematada con técnicas de bioenxeñaría, cunha altura de entre 8 e 9 metros. Todo iso, segundo sinala o organismo, co obxectivo de consolidar a zona fronte a futuros temporais, tal e como xa se indicara no inicio das obras.

“Mentres o acopio de material e o acceso á zona de actuación se realiza na marxe esquerda, na zona de Vilanova, os traballos proxectados execútanse na marxe dereita do río, a solicitude dos veciños residentes na zona de Sambade, afectados polos últimos temporais”, indicou o presidente.

As obras, segundo a CHMS, comezaron coa preparación do acceso pola marxe esquerda durante a semana do 4 ao 8 de maio. Para iso empregouse material granular tipo zahorra artificial que permite o paso de maquinaria e camións necesarios para a execución da escollera. Posteriormente instaláronse tubos para a canalización do río, así como sacos de area e barreiras antiturbidez para preservar o leito durante os traballos.

“Tanto a zahorra do vial de acceso como os sacos de area, tubos e barreiras antiturbidez serán retirados unha vez rematadas as obras de protección da marxe dereita”, engadiu o director das obras.

“Entendemos que o BNG, despois da resposta enviada onte por Rexistro e a través desta nota, terá moi clara a importancia destas actuacións, cuxo único obxectivo é evitar danos ás persoas e aos seus bens”, concluíu Quiroga.

0.12873911857605