O BNG esixe a paralización inmediata das obras que leva a cabo a CHMS no río Cabe

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar no Parlamento Galego unnha serie de iniciativas nas que denuncia “a grave agresión ambiental” que, segundo os nacionalistas, están provocando as actuacións de emerxencia iniciadas no río Cabe ao seu paso por Monforte de Lemos, concretamente en Vilanova. A través destas iniciativas, o BNG pide ao Goberno do Estado a paralización inmediata dos traballos e a reposición da zona afectada ao seu estado anterior.
A CHMS, explica o deputado, anunciou recentemente o inicio de actuacións de reparación dos danos causados polos temporais do inverno no tramo do río Cabe comprendido entre o Club Fluvial e a parroquia de Ribas Altas, na zona de Sambade. Segundo informou o propio organismo, os traballos tiñan como obxectivo consolidar a marxe dereita do río e recuperar a servidume de paso nunha zona afectada por importantes procesos de erosión que supuñan un perigo para os viandantes.
Porén, o BNG advirte que as obras que actualmente se están executando no lugar de Vilanova exceden os traballos anunciados e están a provocar unha alteración das marxes do río Cabe que cualifican de “moi grave”, con movementos de terra de grande volume que “non gardan relación ningunha co proxecto presentado publicamente”.
Ante esta situación, Rego reclama explicacións ao Goberno do Estado e demanda transparencia sobre unhas actuacións que considera “incompatíbeis coa protección ambiental e coa conservación do entorno natural do río Cabe”. Ademais, exixe á CHMS explicar “por que se están realizando movementos masivos de terra en Vilanova cando as obras anunciadas se limitaban á zona de Sambade” e reclama coñecer “se estas actuacións forman realmente parte do proxecto aprobado, por que non figuraban na documentación feita pública e baixo que autorizacións se están executando”.
O deputado nacionalista require ao executivo aclarar se o Concello de Monforte foi informado previamente destas actuacións e se o propietario particular afectado polos traballos recibiu a correspondente comunicación. Así mesmo, reclama acceso ao expediente completo das obras, incluíndo actuacións previstas, custes desagregados e tramitación administrativa.
A organización nacionalista subliña que comparte “plenamente a necesidade de actuar para reparar os danos ocasionados polos temporais e garantir a seguridade das persoas” mais considera “absolutamente intolerábel que unhas obras de emerxencia rematen converténdose nunha agresión ambiental de enorme impacto sobre o río Cabe”.
Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG en Monforte, Emilio Sánchez Iglesias, asegura que “a veciñanza está preocupada polo alcance real das obras e pola falta total de información sobre o que se está facendo en Vilanova”. Sánchez Iglesias denuncia que “non pode permitirse actuar con esta opacidade nun espazo natural de tanto valor ambiental e paisaxístico” e solicita “transparencia, control institucional e respecto absoluto polo entorno do río Cabe”.