A Casa da Música de Chantada abre a matrícula do curso 2026-2027 cunha nova especialidade de DJ e sonorización de eventos

RibeiraSacraXa
A entidade musical do concello pon en marcha o proceso de inscrición para o vindeiro curso, cun número limitado de prazas e distintas vías para formalizar a matrícula
Casa-da-Musica-Chantada
2 Sep 2026

A Asociación Cultural Casa da Música de Chantada abriu o prazo de matrícula para o curso 2026-2027, que contará cun número limitado de prazas. Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dunha formación centrada no manexo de DJ e na sonorización de eventos.

A oferta formativa organízase en dous grandes bloques. Por unha banda, as clases individuais de instrumento, que abranguen acordeón, baixo, batería, canto, clarinete, frauta, gaita, guitarra, guitarra eléctrica, percusión, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba, ukelele e violín.

Por outra banda, mantéñense as clases colectivas, entre as que se inclúen ballet, banda, batukada, danza moderna, baile galego, linguaxe musical, pandeireta, e sesións de música e movemento, estas últimas dispoñibles tamén en inglés.

Para formalizar a inscrición, a entidade pon á disposición do público tres vías: de xeito presencial na secretaría do centro, mediante un formulario online accesible dende a ligazón na súa bio de redes sociais, ou a través dunha mensaxe directa nos seus perfís de Instagram ou Facebook.

0.14775204658508