A Casa da Cultura de Chantada acolle unha mostra fotográfica de Xosé Manuel Otero centrada na memoria e as tradicións

RibeiraSacraXa
Trátase de “Raíces”, que poderá visitarse até o 30 de xuño
mostra-raices-chantada
9 Jun 2026

A Casa da Cultura de Chantada mantén aberta durante todo o mes de xuño unha exposición do fotógrafo Xosé Manuel Otero, que leva por título “Raíces” e que foi inaugurada nun acto celebrado o pasado venres con boa asistencia de público e coa presenza do alcalde, Manuel Lorenzo, xunto ao autor.

O proxecto reúne unha selección de traballos que combinan diferentes etapas e estilos da traxectoria do fotógrafo, natural da comarca pero afincado en Lugo desde a súa infancia. A súa carreira pública comezou en 1994 e, desde entón, participou en máis de corenta exposicións tanto individuais como colectivas.

A proposta expositiva estrutúrase en varios espazos temáticos. Por unha banda, inclúese unha serie de imaxes de carácter máis experimental, baseadas en composicións abstractas arredor de obxectos como xerras. Por outra, recóllense escenas vinculadas á vida cotiá e ás tradicións da zona, con especial atención ás persoas e aos costumes locais.

Outro dos bloques da mostra está formado por paneis nos que o autor recompila retratos de veciños e veciñas realizados ao longo dos últimos anos, moitos deles pertencentes a este século. Estas imaxes teñen ademais un compoñente participativo, xa que as persoas retratadas poden levalas consigo ao remate da exposición.

Tamén se inclúen fotografías de paisaxes e unha serie centrada na matanza tradicional, na que se documentan diferentes momentos deste proceso, un tema que o autor recoñece que lle impactou especialmente polo seu carácter e pola súa evolución co paso do tempo.

Tras a inauguración, Otero salientou a boa resposta do público, que se detén especialmente nas imaxes máis próximas á realidade local, como festas, eventos e escenas populares recoñecibles da contorna.

A exposición pode visitarse até o 30 de xuño de luns a venres en horario de mañá e tarde, e os sábados en horario de mañá.

0.11177206039429