A Casa da Cultura de Chantada acolle a exposición “Fotografías de Tradicións para o Recordo”

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 29 de maio a exposición “Fotografías de Tradicións para o Recordo”, unha iniciativa impulsada por AFA Chantada. O proxecto pon o foco na memoria e na identidade cultural a través da mirada das persoas maiores que participan no Servizo de Envellecemento Activo de varios concellos da zona.
A mostra reúne imaxes antigas achegadas polas propias persoas usuarias e as súas familias. Son fotografías que retratan momentos cotiáns, celebracións ou escenas de traballo, e que no seu conxunto conforman un valioso testemuño da vida no pasado e das tradicións locais.
Un dos aspectos máis salientables da exposición é o tratamento artístico deste material. As imaxes históricas combínanse con fotografías actuais tomadas nos mesmos lugares, creando composicións que permiten comparar distintas épocas e observar como evolucionaron os espazos sen perder a súa esencia cultural.
Desde a organización destacan que esta proposta busca fomentar o diálogo entre xeracións e reforzar o vínculo emocional das persoas maiores coa súa propia historia. Ademais, preséntase como unha ferramenta para estimular recordos e poñer en valor as vivencias persoais.
O proxecto contou co apoio da Deputación de Lugo, a través da súa área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística, e chega a Chantada coa colaboración do Concello de Chantada.
A exposición pode visitarse de luns a venres en horario de mañá e tarde, e os sábados en horario de mañá.