A Biblioteca de Chantada avanza na programación das Letras Galegas 2026

A Biblioteca Municipal do Concello de Chantada desenvolve estes días diversas actividades con motivo do Día do Libro, ao tempo que xa avanza na programación das Letras Galegas 2026 cunha ampla oferta cultural para públicos de todas as idades.
Con motivo desta semana conmemorativa, a biblioteca mantén en marcha un sorteo de novelas dirixido a persoas adultas usuarias do servizo de préstamo. A iniciativa permanecerá aberta ata este venres ás 14:00 horas. Ademais, a mediados de maio, entre os días 13 e 16, está previsto un novo sorteo con motivo das Letras Galegas, nesta ocasión centrado en libros en galego.
A programación continúa tamén co público infantil. Este venres 24 de abril ás 18:15 horas, a autora Genma Pardo presentará na biblioteca o seu libro infantil “Oli, el saltamontes aventurero”, nunha actividade pensada para achegar a lectura aos máis pequenos.
Xa no mes de maio, o venres día 8 ás 18:15 horas, terá lugar unha nova sesión de contacontos a cargo de Ana Meilán, titulada “Ao meu lado podes ser”. Esta proposta, dirixida a nenos e nenas de entre 1 e 5 anos, forma parte do ciclo habitual de actividades infantís que se desenvolven cada primeiro venres de mes.
Por outra banda, a Biblioteca Municipal de Chantada, en colaboración coa Biblioteca Pública de Lugo e co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, organiza unha nova edición do certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2026.
Baixo o lema “Medrar lendo”, o concurso invita á participación de rapaces e rapazas de ata 16 anos, que poderán presentar traballos tanto de narrativa en galego como de debuxo. A proposta busca reflexionar sobre a importancia da lectura en distintas etapas da vida, lembrando eses momentos nos que os libros acompañan, emocionan e axudan a comprender o mundo.
As bases establecen unha extensión máxima dun folio para as narracións e formato DIN A4 para os debuxos, con tres categorías por idades: ata 8 anos, de 9 a 11 e de 12 a 16. Cada biblioteca poderá enviar un máximo de tres traballos por categoría e modalidade.
Os traballos seleccionados a nivel local participarán na fase provincial, xestionada pola Biblioteca Pública de Lugo. O prazo de envío finaliza o 1 de xuño e o xurado, composto por especialistas, escollerá tres premiados por categoría e modalidade. As persoas gañadoras recibirán unha figura de Sargadelos e un lote de libros, e o fallo farase público no mes de xuño.