A Asociación Micolóxica Os Lactouros celebrou unha xornada de convivencia en Taramundi

A Asociación Micolóxica Os Lactouros vén de celebrar unha xornada de convivencia en Taramundi na que participaron varias persoas socias e simpatizantes, nun encontro marcado polo compañeirismo e o bo ambiente.
A actividade desenvolveuse cun programa que incluíu unha ruta de sendeirismo pola contorna natural da zona, seguida dunha comida compartida entre as persoas asistentes. Xa na parte final da xornada, o grupo realizou unha visita ao Museo da Cuchillería de Taramundi, onde puideron coñecer a tradición artesanal vinculada á fabricación de navallas, un dos elementos máis representativos deste territorio.
Desde a directiva da asociación fan unha valoración moi positiva da experiencia, destacando que “este tipo de actividades son fundamentais para fortalecer a convivencia entre as persoas socias e seguir creando comunidade arredor da natureza e da micoloxía”. “Foi unha xornada moi completa, na que combinamos actividade ao aire libre, gastronomía e cultura, nun ambiente inmellorable”, sinala César Vila, membro da directiva.
Desde a asociación agradecen a participación e a implicación de todas as persoas asistentes, destacando a súa actitude positiva e a contribución a que a xornada resultase unha experiencia satisfactoria.