A AELG reclama a reposición urxente do monólito de Antón Avilés de Taramancos en Monforte

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) manifesta a súa “profunda preocupación” pola situación do monólito dedicado ao escritor Antón Avilés de Taramancos en Monforte de Lemos que, segundo informacións divulgadas publicamente, levaría varios meses tirado nunha leira de propiedade do Concello de Monforte, próxima ás instalacións do punto limpo, onde fora trasladado desde a rúa a que dá nome o autor, por parte dunha empresa que realizou arranxos recentemente nas beirarrúas.
O monolito foi inaugurado en 2003, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas dese ano. Desde a AELG destacan a “enorme relevancia intelectual, poética e persoal de Antón Avilés de Taramancos, quen ademais fora presidente da AELG entre 1986 e 1988” polo que solicitan que sexa “reposto urxentemente no seu emprazamento orixinal, restituíndo así a súa xusta memoria e valoración como autor fundamental da nosa literatura”.