A Xunta e o Concello de Bóveda estudan crear un refuxio climático nunha carballeira do municipio

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A medida está orientada a ofrecer protección á poboación durante os episodios de altas temperaturas ao tempo que contribúe á conservación da biodiversidade
reunion-xunta-concello-boveda
21 Jul 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de Bóveda abordaron este luns distintas actuacións relacionadas coa adaptación ao cambio climático e coa mellora das infraestruturas hidráulicas do municipio. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse co alcalde, José Manuel Arias, para analizar o proxecto municipal de acondicionamento dunha carballeira co obxectivo de convertela nunha nova zona de lecer.

Durante o encontro, ambas administracións estudaron a posibilidade de que este espazo natural funcione tamén como refuxio climático, unha medida orientada a ofrecer protección á poboación durante os episodios de altas temperaturas ao tempo que contribúe á conservación da biodiversidade.

A conselleira destacou a importancia de preservar este tipo de contornas naturais e animou ao Concello a presentar a iniciativa ás convocatorias de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinadas a apoiar proxectos baseados na natureza para facer fronte aos efectos da nova realidade climática.

Estas liñas de subvención permiten financiar actuacións dirixidas a reforzar a biodiversidade e as zonas verdes en espazos urbanos e periurbanos, así como iniciativas destinadas a reducir o efecto illa de calor mediante a creación de áreas con condicións ambientais favorables que sirvan de protección fronte ás altas temperaturas.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, estas axudas poderían facilitar a creación en Bóveda dun espazo pensado tanto para o lecer da veciñanza como para ofrecer un lugar de refuxio durante as vagas de calor.

A reunión tamén estivo centrada na situación da rede municipal de abastecemento de auga. A conselleira e o alcalde coincidiron na necesidade de avanzar na redución das perdas de auga e mellorar a eficiencia do sistema.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que Bóveda dispón xa dunha auditoría que permite cuantificar as perdas existentes, avaliar o estado das infraestruturas e identificar actuacións para optimizar o funcionamento da rede.

Pola súa banda, José Manuel Arias explicou que o Concello xa elaborou un documento técnico coas actuacións previstas para mellorar o abastecemento municipal, un informe que actualmente está a ser analizado polos servizos técnicos de Augas de Galicia.

0.11273503303528