Xa se coñece a programación do festival As Cores do Outono

RibeiraSacraXa
A fin de semana do 16 e 17 de outubro, celebrarase na Pobra do Brollón a sétima edición do festival As Cores do Outono.
pobra brollón quiosco sanugueiros
7 Out 2021

A fin de semana do 16 e 17 de outubro, celebrarase na Pobra do Brollón a sétima edición do festival As Cores do Outono. Será unha edición completa con diferentes eventos relacionadas coa poesía, o baile, o teatro, a maxia e, por suposto, a música.

Tras a suspensión da cita o ano pasado por mor da pandemia, este ano volve para posicionarse como un festival folk de referencia no outono do sur de Lugo. “Con esta edición especial queremos recuperar a esencia do festival, máis pegado á terra e tocando máis disciplinas artísticas alén da música,” declara o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

Un sábado completo dende a mañá ata a noite

A programación comezará o sábado 16 ás 12 horas coa presentación na Casa da Cultura do novo poemario de Carlos Da Aira, Punto de Ignición, acompañado pola poeta Olga Novo.

Seguirá cun vermú ás 13.30 horas na terraza do Primeiro de Maio cunha sesión de música a cargo de Teresa Ferreiro. Esta artista e DJ procedente de Santiago de Compostela é coñecida polas súas sesións eclécticas e experimentais que mesturan xéneros como cancións de Leilía con techno.

Pola tarde, ás 17.30 horas, na área recreativa de Samugueiros terá lugar un obradoiro de baile tradicional a cargo de Montse Rivera, membro fundadora de Leilía. O obradoiro está indicado para persoas que xa saben bailar un pouco e incluirá puntos recollidos da zona.

Despois, ás 19 horas haberá unha sesión de maxia co Mago Marco na Casa da Cultura, indicada para público familiar.

A partir das 20 horas ábrense as portas para os concertos na Área recreativa de Samugueiros. Este ano serán unha aposta polo talento e música locais, comezando polo Combo Guimaralia, formado por músicos de gran recoñecemento na música tradicional vinculados ao municipio, como son Suso 40, Xián Herrera, Xosé Maceda, Pablo Bernárdez, Pablo Camarero e Óscar Sánchez.

Tras Combo Guimaralia será o concerto de Músicas de Ferreiros, o proxecto musical do gaiteiro Javier Franco, afincado en Madrid, no que recupera pezas da aldea dos seus avós na Pobra do Brollón. Este concerto será a presentación do proxecto e estará acompañado de músicos de gran traxectoria procedentes de dentro e fóra de Galicia, como Luis Caruncho (zanfona e brindos), Carlos Quintá (violín), Patricia Sánchez Seoane (voz), Xabier Vizcaíno e Jesús Parra (guitarra), Javier López (acordeón), por nomear algúns dos que estarán tocando a noite do sábado.

As actuacións musicais rematarán coa coñecida agrupación de Sober, Os Parentes.

Un festival para poñerse en pé

Respectando todas as normativas vixentes, o festival contará con zona de baile de pé, onde non se poderá consumir nin fumar, e será obrigatorio o uso de máscara. Asemade haberá un espazo con cadeiras onde o público tamén poderá asistir sentado ao concerto. As zonas de baile e de cadeiras estarán separadas da zona de barra onde si se poderá consumir.

Esta separación dos espazos así como a obriga de ter os datos dos asistentes fai máis complexa a produción, polo que dende a organización piden colaboración e animan a que os asistentes vaian facendo as reservas con antelación.

“Queremos ofrecer o primeiro concerto de pé en case dous anos e ademais de xeito gratuíto. Só pedimos un pouco de colaboración enviando un WhatsApp para facilitarnos a labor,” comenta Maceda.

Programación para todos os públicos

O domingo 17 terá lugar unha obra teatral dirixida ao público familiar: Duncan de Palleiro, da agrupación Lîlâ Teatro. Será ás 18.30 horas na Casa da Cultura.

Ese día ao mediodía haberá un vermú poético no que participarán tanto poetas consagrados como poetas noveles. A organización irá desvelando máis detalles nos próximos días.

Todas as actividades son gratuítas, previa reserva no teléfono 650 624 828. As reservas fanse preferiblemente por WhatsApp, indicando nome completo e número de prazas. A excepción é a sesión de música de Teresa Ferreiro, que se reserva directamente no bar Primeiro de Maio, no teléfono 982 430 134.

cartel as cores outono a pobra brollón
0.19426202774048