Walls actuará nas Festas Patronais de Monforte tras a cancelación do concerto de Beret

RibeiraSacraXa
O artista murciano subirá ao escenario o 15 de agosto despois dos fogos de San Vicente e a súa contratación permitirá un aforro de case 45.000 euros no programa musical
fogos-artificiais-festas
10 Jul 2026

O cantante murciano Walls incorpórase ao cartel musical das Festas Patronais de Monforte de Lemos 2026 e será o encargado de actuar na madrugada do sábado 15 de agosto, ás 0.30 horas, unha vez remate a tradicional sesión de fogos artificiais de San Vicente.

O anuncio foi realizado polo alcalde de Monforte, José Tomé, quen explicou que a incorporación do artista completa a programación musical das festas deste ano.

Walls, nome artístico de Ginés Paredes Giménez, chega a Monforte nun dos momentos máis destacados da súa carreira, despois da publicación do seu terceiro álbum de estudo, "El Día que me Olvides", que debutou como número un na lista oficial de vendas en España.

O artista, que conta con 1,1 millóns de oíntes mensuais en Spotify, está considerado un dos nomes con maior proxección da música española e unha das figuras chamadas a liderar a nova xeración do pop-rock nacional.

A súa incorporación prodúcese tras a cancelación do concerto previsto de Beret, unha decisión que, segundo informa o Concello, non supuxo ningún custo para as arcas municipais.

Ademais, o cambio permitirá reducir o orzamento destinado ao programa musical das festas. Mentres que a actuación de Beret estaba valorada en 127.500 euros, a contratación de Walls ascende a 82.280 euros, IVE incluído, o que representa un aforro de 44.770 euros.

José Tomé asegurou que esta incorporación “mantén a filosofía da programación musical das Festas Patronais que vimos facendo con gran éxito desde a nosa chegada ao goberno municipal e que consiste en combinar artistas consolidados con algúns dos nomes con maior proxección da música española”. Segundo o rexedor, o resultado é unha programación “equilibrado, actual e pensado para todos os públicos”.

Entre os datos destacados da traxectoria de Walls figuran o número un en vendas co seu último disco, os seus 1,1 millóns de oíntes mensuais en Spotify e o premio ao mellor videoclip nos LOS40 Music Awards de 2025.

Na súa carreira colaborou con artistas como Dani Fernández, Hombres G, Despistaos e Marc Seguí. Ademais, en febreiro de 2026 protagonizou un dos fitos da súa traxectoria ao reunir máis de 10.000 persoas nun concerto celebrado no Movistar Arena de Madrid.

Nas últimas semanas, o cantante incrementou tamén a súa proxección pública tras o encontro que mantivo coa princesa Leonor durante un acto oficial celebrado en Murcia, unha imaxe que obtivo ampla repercusión nos medios de comunicación de ámbito nacional.

0.12117481231689