Vilamor e Esperante, no Concello de Folgoso do Courel, acolle o segundo Encontro Burla Verde

RibeiraSacraXa
A cita, na que se desenvolverán diferentes encontros formativos, será os vindeiros días 14 e 15 de xuño
Encontro-Burla-Verde-portad
Cartel
11 Xuño 2024

Burla Verde, o encontro contra a estafa da transición enerxética e contra a depredación da terra celebra a súa segunda edición o 14 e 15 de xuño na Serra do Courel. Os espazos elixidos para o encontro son as aldeas de Vilamor e Esperante, no Concello de Folgoso do Courel.

Un grupo de veciñxs, coa colaboración de diferentes organizacións e activistas, farán posible este ano o convivio e ao longo dos dous días desenvolvéranse diferentes actividades de carácter formativo, lúdico e de intervención no territorio.

O día 14 de xuño, o colectivo Monte Escola organiza unha sesión para arrincar mimosas, á que se pode apuntar calquera persoa de xeito voluntario.

O 15 de xuño, a xornada dará inicio ás 10.30 horas a través dunha alborada e posteriormente darase paso a unha serie de encontros formativos. Unha táboa redonda sobre a organización comunitaria protagonizada por veciñas de diferentes idades e dinamizada pola historiadora Lara Barros, un coloquio sobre decrecemento a cargo de Begoña de Bernardo do colectivo Véspera de Nada ou un obradoiro para sentipensar o fenómeno dos lumes deseñado pola ONG Arquitectura Sen fronteiras e a cooperativa Outonía S.Coop, son algunhas das propostas que artellarán o programa de día.

Paralelamente, ao longo de toda a xornada haberá unha programación dedicada ao goce das crianzas, un espazo radiofónico que difundirá o evento en directo, un espazo de micro aberto para os colectivos en defensa da terra que se dean cita no encontro e a creación dun mural colaborativo a cargo da pintora Carme Álvarez.

Á tarde,arrincarán as diversas actuacións artísticas – con espectáculos de danza, circo e música.

Este ano dende a necesidade de ter unha previsión de aforo, a entrada ao evento está suxeita a unha cota de cinco euros e pódese adquirir previamente en diversos establecementos de toda a comunidade.

Tódolos beneficios recadados irán en beneficio dos diferentes colectivos en defensa da terra.

0.18538808822632