Vendaval, a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, pecha o programa para o seu pase de primavera

GaliciaXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
Haberá proxeccións, música en directo, coloquios, catas de viños e actividades didácticas do 23 ao 31 de maio en distintos espazos de Sober, Bóveda, Sarria, Chantada, Monforte e O Incio
Vendaval. Foto de Dario Eyre
Vendaval. Foto de Dario Eyre
13 May 2026

Vendaval, a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, xa ten pechada a programación do seu Pase de Primavera, co que porá o broche final á segunda edición do certame. A cita desenvolverase entre os días 23 e 31 de maio en distintos espazos dos concellos de Sober, Bóveda, Sarria, Chantada, Monforte e O Incio, combinando cinema, música, coloquios, actividades formativas e propostas gastronómicas.

A programación arrancará o sábado 23 na Palleira de Xullán, en Bóveda, cunha clase maxistral impartida polo cineasta ourensán Iván Castiñeiras. A xornada completarase coa proxección de Deuses de Pedra, a súa primeira longametraxe como director. Esta actividade é unha das poucas de pago dentro da mostra e require inscrición previa.

Ao día seguinte, o músico e actor Joel Fontán ofrecerá un concerto vermú na Aldaba de Rosende, en Sober. Xa pola tarde, o Centro Socio-Cultural do municipio acollerá a proxección de À procura da Estrela, filme no que participa o propio artista vigués.

Durante a semana, Vendaval desenvolverá tamén unha programación centrada na divulgación cultural e educativa, con actividades dirixidas a centros escolares e institutos. Entre as propostas previstas figuran visitas guiadas, roteiros polo patrimonio románico, obradoiros de animación, observación astronómica e sesións de cinema mediadas.

A programación aberta ao público retomarase o sábado 30 no Auditorio de Chantada cun encontro arredor das coproducións entre Galicia e Portugal, conducido por Beli Martínez, produtora e especialista neste ámbito. Máis tarde, o Cinema Palleiriso proxectará Ariel, de Lois Patiño, nunha sesión que contará tamén coa presenza da produtora do filme.

O peche desta edición chegará o domingo 31 na Casa da Memoria de Bóveda. A xornada incluirá unha cata comparativa entre viños portugueses e da Ribeira Sacra guiada polo sumiller Humberto Loureiro, ademais dun concerto de Davide Salvado, que presentará o seu novo traballo Permita Deus en formato dúo. O programa concluirá coa proxección da curta Noite sem distância e un coloquio sobre a historia do contrabando na Raia no que participarán os expertos Daniel Lanero e Xurxo Ayán.

Vendaval preséntase como un espazo de encontro arredor do cinema portugués e das relacións culturais entre Galicia e Portugal, cunha programación que aposta polo cinema de autor no rural e que se completa con concertos, conversas, obradoiros e actividades vinculadas ao territorio. A iniciativa conta co apoio do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.

0.12529706954956