Veciños de Casares rehabilitan o tellado do forno comunitario con apoio do Concello de Ribas de Sil

Veciños da aldea de Casares rehabilitaron, coa colaboración do Concello de Ribas de Sil, o tellado do forno comunitario, un espazo de uso tradicional e de gran valor para a vida colectiva da localidade. A actuación permitiu recuperar unha infraestrutura moi vencellada á memoria e á historia da aldea.
O forno comunitario forma parte dos elementos que historicamente se mantiveron grazas ao esforzo veciñal, xunto con outras melloras realizadas no medio rural como traídas de auga, saneamento, camiños ou rehabilitación de edificios tradicionais.
Nesta ocasión, os traballos centráronse na reparación do tellado, co obxectivo de asegurar a conservación do inmoble e manter o seu uso como espazo de encontro.
Desde o Concello destacaron a importancia deste tipo de iniciativas, nas que a colaboración entre veciños e institucións permite conservar o patrimonio rural e reforzar a identidade das aldeas.