Veciñanza Fronte o Odio organiza en Monforte unha palestra sobre como identificar e combater os discursos de odio

O Centro Cívico de Monforte de Lemos acollerá este xoves, 15 de outubro, unha palestra sobre o avance dos discursos de odio e as ferramentas para identificalos e combatelos. A iniciativa está organizada polo colectivo Veciñanza Fronte o Odio e comezará ás 20.30 horas, con entrada aberta ao público.
A sesión contará coa participación de Adrián Gómez Martínez, mestre de Educación Primaria e vinculado á defensa dos dereitos sociais e da diversidade. Durante o encontro analizaranse os mecanismos que favorecen a difusión de mensaxes discriminatorias, as estratexias utilizadas para normalizalas e as consecuencias que teñen sobre as persoas e os colectivos afectados.
A palestra tamén abordará a tipificación legal dos discursos de odio e achegará exemplos recentes para axudar a recoñecer estas mensaxes, cuestionar os seus argumentos e fomentar o pensamento crítico.
Desde Veciñanza Fronte o Odio expresan a súa preocupación pola presenza de mensaxes racistas, xenófobas, machistas, homófobas e doutras formas de discriminación nas redes sociais, nos medios de comunicación e en determinados ámbitos políticos. O colectivo advirte de que a súa normalización pode contribuír a crear un clima de intolerancia e hostilidade cara a distintos grupos sociais.
“O odio non aparece da nada. Constrúese a través de mensaxes, prexuízos e discursos que, cando se repiten e normalizan, acaban tendo consecuencias reais sobre a vida das persoas. Por iso consideramos fundamental aprender a identificalos e combatelos”, explican desde a organización.
Veciñanza Fronte o Odio está formado por persoas da comarca de Lemos con procedencias, sensibilidades e formas de pensar diversas. Segundo explican, non responde a unha ideoloxía política concreta, senón que busca ser un espazo de encontro arredor da defensa dos dereitos humanos, o feminismo, o antirracismo, a loita contra a homofobia, o ecoloxismo, a xustiza social e a solidariedade.
O colectivo nace coa intención de responder ao avance dos discursos de odio e da intolerancia mediante actividades culturais, educativas, divulgativas e de sensibilización. Entre os seus obxectivos están fomentar o pensamento crítico, desmontar prexuízos e promover valores de convivencia e respecto.
A iniciativa defínese como plural e participativa, aberta a calquera persoa que comparta estes principios e queira achegar ideas, propoñer actividades ou colaborar na súa organización. “Non temos por que pensar todas e todos igual nin compartir unha mesma ideoloxía política. O que nos une son cuestións tan básicas como o respecto aos dereitos humanos, a igualdade, a liberdade e a solidariedade. Queremos que calquera persoa que comparta estes principios atope aquí un espazo no que participar e propoñer iniciativas”, sinalan.
A organización considera que combater os discursos de odio require tanto denunciar as mensaxes discriminatorias como impulsar alternativas que favorezan o coñecemento mutuo e a convivencia. Nesa liña, a palestra deste xoves será a primeira actividade aberta ao público que promove o colectivo, que aspira a consolidarse como un espazo de colaboración e organización de novas propostas na comarca.
Desde Veciñanza Fronte o Odio convidan a asistir ao encontro e participar no debate sobre cuestións que afectan á convivencia e aos dereitos fundamentais. “Fronte a quen pretende dividir a sociedade sinalando as persoas pola súa orixe, identidade, orientación sexual ou maneira de vivir, nós queremos promover o encontro, o respecto e a solidariedade. Cremos que a mellor maneira de combater o odio é non permanecer indiferentes e implicarnos colectivamente”, conclúen.