Varios concellos de Ourense optarán ás súas Flores de Honra na gala de Vilas en Flor

Allariz, O Carballiño, Leiro, A Pobra de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río son os seis municipios ourensáns que forman parte este ano de Vilas en Flor Galicia, un certame no que compiten un total de 41 concellos de toda a comunidade por mellorar e poñer en valor os seus espazos verdes.
O programa funciona mediante un sistema de flores, cun máximo de cinco, que se asignan segundo o grao de coidado que cada concello demostre nos seus parques e xardíns, así como polo nivel de participación que consiga espertar entre os seus veciños á hora de manter limpo e coidado o contorno urbano.
Para decidir que distinción lle corresponde a cada localidade, un xurado especializado percorreu os distintos municipios inscritos e avaliou in situ o estado das súas zonas axardinadas e as accións impulsadas para implicar á cidadanía nesa tarefa.
Os resultados desa avaliación faranse públicos o 13 de novembro ás 12.00 horas, durante a gala que acollerá o municipio pontevedrés de Salceda de Caselas e que chega xa á súa novena edición.
Detrás desta iniciativa está a Fundación Juana de Vega, encargada de impulsala en Galicia xunto á Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinaría (Agaexar). O Instituto de Estudos do Territorio tamén colabora no seu desenvolvemento.