Val de Quiroga de Tapas comeza coa participación de dez establecementos de Quiroga e Ribas de Sil

RibeiraSacraXa
O concurso Val de Quiroga de Tapas comeza con dez establecementos participantes, sete de Quiroga e tres de Ribas de Sil, que xa comezaron a servir as súas tapas.
Concurso de tapas Quiroga
Concurso de tapas Quiroga
19 mar 2024

O concurso Val de Quiroga de Tapas comeza con dez establecementos participantes, sete de Quiroga e tres de Ribas de Sil, que xa comezaron a servir as súas tapas. que este ano ven con dúas novidades.

Así, a Adega de María serve "Primavera", Matrioshka faino con "Solomillo ao roquefort", Chapakuña 3 ten "Delicias de polo ó padano", Ferreiriño con "Os praceres da nosa terra", A Botica con "Polo pan baila o can", Ruxe-Ruxe con "Piruleta Popcorn", O Portón con "Sabores do Portón", Restaurante Praia Fluvial con "Sapito", Restaurante las Vegas con "Pasapalos" e A Cabina con "A Cabinita".

O concurso desenvolverase ata o martes 26 de marzo e a tapa que cada establecemento presenta a concurso deberá estar a disposición do público consumidor entre as 12.00 e as 14.30 e as 19.00 e as 22.30 horas.

Os propios consumidores serán quen decidan coa súa votación cal é a tapa gañadora. Para elo terán que cubrir un tapacartón co selo de todos os establecementos que concursan e que se poñerá cada vez que o cliente deguste a tapa. Unha vez totalmente cuberto votarán á que ao seu xuízo merece ser a gañadora do concurso.

O establecemento gañador recibirá unha placa conmemorativa e 100 euros en metálico. Pero ademais os participantes que completen a degustación das tapas e voten á tapa que máis lles gustou entrarán nun sorteo no que poden gañar diferentes premios.

Os premios aos que poden optar os participantes son numerosos: 200 euros e 100 euros en metálico; un menú degustación no restaurante Playa da Cova; unha visita guiada para dous na adega Val do Frade de Vilachá; un menú para dous no hotel Cardenal e comidas e ceas para dúas persoas en Torre Vilariño, Chapakuña 3, Ruxe-Ruxe, Praia Fluvial, A Botica, Mesón Ferreiriño ou o Portón; unha estancia para dúas persoas no Hotel- Restaurante Las Vegas ou cestas con produtos típicos da zona: Aceiroga, Atrium Vitis, Casa de Outeiro, Caurelo, EDV 2015 e Lar de Ricobao.

O sorteo dos premios e a tapa gañadora saberase a semana seguinte á Semana Santa, cando se abran as urnas e se faga o reconto de votos.