Unha veciña do Saviñao gaña o XXI Concurso de Carteis das Festas Patronais de Monforte 2026

O Concello de Monforte de Lemos deu a coñecer o fallo do xurado do XXI Concurso de Deseño de Carteis das Festas Patronais 2026, convocado o pasado mes de marzo co obxectivo de escoller a imaxe que anunciará as festas patronais do próximo verán.
A gañadora desta edición é Jessica Denise Bazaes Latrille, veciña do Saviñao, que presentou o seu traballo baixo o pseudónimo “Luz da Fada”. A súa proposta foi escollida entre un total de 40 deseños presentados, o dobre que na edición de 2025, o que converte esta convocatoria na máis participativa dos últimos anos.
Segundo os datos do concurso, 30 das propostas procedían de Monforte de Lemos, mentres que as 10 restantes chegaron desde distintos puntos de Galicia e do resto do Estado, incluíndo localidades como Cambados, A Coruña, Melide, O Saviñao e A Pobra do Brollón, ademais de Madrid, Paracuellos del Jarama (Madrid), Cartagena (Murcia), León e Arre (Navarra). A presentación oficial do cartel realizarase en próximas datas.