Unha veciña de Folgoso do Courel obtén o terceiro premio no concurso literario sobre as feiras tradicionais galegas

A estudante Irene López Lago, alumna de 3º da ESO do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, foi distinguida co terceiro premio na segunda edición do Concurso Literario As Feiras Tradicionais Galegas, unha iniciativa promovida pola Asociación Feiral Semana Verde de Galicia para fomentar o coñecemento e a conservación destas expresións da cultura popular.
O traballo premiado, baixo o título 'As feiras de Seoane' con Teresa, céntrase na recuperación da memoria das antigas feiras da localidade a través dos recordos transmitidos pola súa avoa. O relato achega unha visión persoal sobre os costumes, vivencias e elementos propios destas citas tradicionais, contribuíndo á preservación dun legado que forma parte da identidade cultural do Courel.
Ademais do recoñecemento literario, a alumna recibiu un premio destinado ao comercio local, mentres que o CPI Poeta Uxío Novoneyra tamén foi galardoado pola participación e o éxito acadado no certame.
Desde o Concello de Folgoso do Courel trasladaron os seus parabéns á estudante, á súa familia e ao equipo docente do centro educativo, destacando a importancia de iniciativas que permiten achegar ás novas xeracións a memoria e as tradicións transmitidas polos maiores.
A fotografía difundida con motivo deste recoñecemento mostra a Irene López Lago xunto á súa avoa Teresa, protagonista e fonte de inspiración dun relato que levou a historia das feiras de Seoane ata a Semana Verde de Galicia.