Unha nova asociación centrada na defensa do territorio presentarase o 12 de xullo en Chantada

O restaurante Altamira, situado en Pereira, no municipio de Chantada, acollerá o vindeiro 12 de xullo ás 17.00 horas o acto de presentación da asociación 'Pola Defensa do Territorio', unha nova entidade de ámbito autonómico creada coa finalidade de impulsar a defensa do territorio e a protección do medio rural.
Segundo explican desde a propia organización, a asociación centrará a súa actividade na protección do territorio fronte a actuacións que, ao seu xuízo, poidan afectar á calidade de vida e á economía local, prestando unha atención especial á comarca de Chantada e á súa contorna.
A entidade sinala que a súa creación está vinculada aos proxectos dos parques industriais eólicos Agratina e Agromaces, publicados no Boletín Oficial do Estado durante o ano 2025. A asociación apunta que nestes proxectos se recollen localizacións de aeroxeradores próximas a vivendas e explotacións gandeiras. Tamén manifesta a súa preocupación polos proxectos de baterías de litio Belesar I e Belesar II previstos na parroquia de Pesqueiras.
Desde a asociación aclaran que a súa postura non é contraria ás enerxías renovables nin á implantación de aeroxeradores, defendendo que o desenvolvemento deste tipo de infraestruturas debe realizarse de forma compatible coa vida no medio rural e co benestar das persoas e dos animais.
Entre os seus obxectivos, a entidade sitúa tamén a defensa dunha planificación territorial que permita preservar a actividade e a vida no rural. Neste sentido, sinalan a súa intención de opoñerse a actuacións que consideren que poidan dificultar a permanencia da poboación nestes espazos ou afectar á súa calidade de vida.
No acto de presentación participarán tamén veciños da parroquia de Esmeriz, que compartirán a súa experiencia sobre os efectos que, segundo explican desde a organización, tiveron os parques eólicos no seu territorio.
A asociación fai un chamamento á veciñanza para asistir á presentación e participar no proxecto.