Unha estudante monfortina, na Olimpíada de Bioloxía

RibeiraSacraXa
Lucía Varela conseguiu clasificarse para a fase autonómica desta competición, que pretende estimular aos mozos no estudo desta ciencia
estudante monforte olimpíada bioloxía
estudante monforte olimpíada bioloxía
14 feb 2021

A XVI Olimpíada de Bioloxía, na súa fase autonómica, contará con representación da comarca. Lucía Varela Méndez, estudante de segundo de Bacharelato do IES A Pinguela de Monforte, participará na fase presencial deste campionato que se celebrará en Vigo o vindeiro 19 de febreiro.

Xunto a Lucía, na fase clasificatoria participaron outras dúas alumnas do centro, Nuria Fernández e Lara Moure, ás que dende o instituto monfortino tamén felicitan "xa que realizaron as tres un esforzo importante que seguro repercutirá nos seus coñecementos e no seu amor pola materia. Felicitamos tamén ao departamento de Bioloxía polo traballo realizado".

A fase autonómica galega da Olimpíada de Bioloxía convócaa a Asociación Olimpíada Española de Bioloxía (OEB) baixo o patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, a facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, as facultades de Bioloxía das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, a directora do Grupo de Traballo de Bioloxía da Selectividade e máis Inspección de Educación da Xunta de Galicia.

O obxectivo principal deste campionato de Bioloxía é estimular e implicar ao estudantado de Bacharelato no desenvolvemento desta ciencia, conscientes de que os retos científicos, presentes e futuros, non poderán afrontarse con éxito sen unha formación biolóxica importante das novas xeracións de estudantes, entre as que é indispensable fomentar a aparición de novas vocacións de estudo e investigación en Bioloxía.