Unha alumna do CEIP de Quiroga logra o segundo premio no I Certame Literario Escolar “Xosé de Arxeriz”

Unha alumna do CEIP de Quiroga vén de ser recoñecida no I Certame Literario Escolar “Xosé de Arxeriz”, unha iniciativa centrada na promoción da creación literaria en galego entre a mocidade.
Valentina Aguado, estudante de 5º de Educación Primaria, acadou o segundo premio neste concurso coa súa obra “Martiño e Uxía, dous heroes entre o lume”. O galardón, correspondente á categoría de 5º e 6º de primaria, está dotado con 300 euros e inclúe tamén un diploma de finalista.
O certame, organizado polo Ecomuseo Pazo de Arxeriz e patrocinado pola Fundación Xosé Soto de Fión, nace co propósito de fomentar a creatividade en lingua galega e difundir valores ligados ao patrimonio cultural, histórico, etnográfico e natural de Galicia. A iniciativa contou ademais coa colaboración da área de Turismo do Concello de Quiroga.
Nesta primeira edición participaron máis de 60 traballos procedentes de sete centros educativos da comunidade autónoma. A convocatoria estaba aberta ao alumnado do último ciclo de Primaria e tamén a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria.
O concelleiro de Turismo, Vicente Parra, destacou a implicación do CEIP de Quiroga na difusión do certame no municipio e puxo en valor a participación da mocidade local. Así mesmo, trasladou un recoñecemento especial á alumna premiada polo seu resultado nesta convocatoria.